As externalizacións da Inspección de Traballo poñen en risco os datos privados de persoas na Seguridade Social

O goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos trouxo a división do antigo Ministerio de Traballo e Seguridade Social en dous entes diferenciados. Os e as inspectoras de traballo non viron con bos ollos esta división que entenden como “política”. Tamén denuncian a externalización de áreas da Inspección que recaen en empresas privadas con acceso a datos confidenciais de millóns de persoas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 01/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Inspectores de Traballo e Seguridade Social é o nome co que se coñecía a este colectivo de funcionarios ata 2019. O pacto PSOE-UP dividiu un departamento, o de Traballo e Seguridade Social, en dous distintos, o de Traballo con Yolanda Díaz como ministra e o segundo departamento denominado de Inclusión, Seguridade Social e Migracións con José Luis Escrivá na dirección. A separación non resulta cómoda para quen vela polo cumprimento das leis en materia laboral e de Seguridade Social. Por outra parte, a partir de 2007 comezaron unha serie de externalizacións dentro da Seguridade Social que recaeron en empresas moitas veces descoñecedoras do ámbito en que entraban.

A Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, aplaude durante unha sesión plenaria no Senado centrada no debate co Executivo central nos rebrotes de Covid-19 xurdidos nas últimas datas en España, os Expedientes de Regulación Tem. Jesús Hellín - Europa Press
A Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, aplaude durante unha sesión plenaria no Senado centrada no debate co Executivo central nos rebrotes de Covid-19 xurdidos nas últimas datas en España, os Expedientes de Regulación Tem. Jesús Hellín - Europa Press

SEPARACIÓN

A Tesourería da Seguridade Social e a Inspección de Traballo son dúas entidades xurídicas separadas. Isto non impedía que os e as inspectoras de traballo realizasen as súas tarefas xunguindo as dúas áreas. “Aínda así, non deixaban de estar unidas dentro dun mesmo departamento” sinala Mercedes Fernández da Unión Progresista de Inspectores de Trabajo (UIPT).

Mais a división en dous ministerios trouxo unha necesidade de crear mecanismos de coordinación “máis sólidos e potentes” que os existentes.  A falta de coordinación pode crear situacións contraditorias sobre unha mesma cuestión, isto impediría unha solución rápida e axeitada.

“Non nos explicaron por que levaron a diante esta división en dous ministerios, mais creo que obedece a decisións políticas sobre as que os órganos técnicos pouco podemos dicir” apunta Fernández. Esa decisión “política” segundo os técnicos de inspección pode crear confusión entre os traballadores cando ven separadas as perspectivas laboral e de Seguridade Social. A separación de perspectivas pódese suplir coa dinámica xa adquirida logo de anos de experiencia, pois a maioría dos traballadores dos organismos son funcionarios cunha experiencia laboral establecida.

O Ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá,. Ricardo Rubio - Europa Press
O Ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá,. Ricardo Rubio - Europa Press

EXTERNALIZACIÓN DE SERVIZOS

En 2007 iniciouse un proceso de externalización que afectou á xestión das bases de datos. Estas bases son a clave para levar adiante futuros labores de inspeccion. A primeira cuestión polémica que presentaba a chegada dunhas empresas alleas ao traballo con información da Seguridade Social, era o acceso que tiñan á información recollida polos organismos públicos respecto da vida laboral das persoas e de empresas.

Ademais do primeiro, os e as traballadoras das empresas contratadas teñen que facer as súas tarefas de planificación pedindo información aos propios funcionarios, “cousa que non é moi coherente”. O extremo foi que os e as funcionarias contestaron unhas enquisas para que as empresas externas soubesen como facer o seu traballo e como traballaban os e as funcionarias.

A isto débeselle sumar “un déficit en persoal informático para xestionar e extraer todos os datos e información desde a Administración” di Fernández. É dicir, a externalización foi unha vía para non aumentar o número de persoal funcionario público.

E que lle pasa á información gardada nos arquivos da Seguridade Social? Non é un risco que empresas privadas podan acceder a tanta información?  Mercedes Fernández contesta que “descoñezo como actúan, porque os pregos son moi xenéricos, supoño que estarán sometidos a sixilo e confidencialidade como estamos sometidos todos os funcionarios públicos”. O que non descartan os traballadores públicos son intereses empresariais detrás destas operacións.

Chegará o momento en que non haxa funcionarios públicos para estas tarefas? “Non creo que o Estado permita que se deixe de facer oposicións a inspector de traballo, tal como din os convenios da OIT”. Desde a normativa nacional e internacional é posible que non se permita unha situación así “porque é un servizo público”. Todo este panorama tería unha posible solución coa creación dun organismo de coordinación dentro do servizo estatal de inspección de traballo e Seguridade Social, “que xa tiña que estar constituído”.

A Inspección de Traballo e Seguridade Social continuará adiante, mais cunha duplicidade que, como os mesmos inspectores din, pode facer perder a perspectiva ao conxunto de traballadores e traballadoras. A coordinación vén sendo unha necesidade imperiosa para a inspección laboral en caso de querer desenvolver un labor óptimo. Por outra parte, as externalizacións de determinadas áreas, incluíndo bases de datos laborais, podería pór en risco a privacidade e confidencialidade necesarias neste terreo da función pública.

Para esta reportaxe contactouse tamén co Sindicato de Trabajadores de Inpección y Seguridad Social, mais non se tivo resposta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta