A crise chega ó negocio das flores: "houbo que destruír plantas por valor de 300.000€"

O sector pide ó Goberno que suba as axudas para evitar o peche do "40%" dos viveiros galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2020 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

Entre un 30% e un 40% dos viveiros galegos que se dedican á planta ornamental pechará de non haber axudas "acordes" ás perdas nun ano "desastroso" para o sector polas consecuencias económicas da crise derivada da pandemia da covid-19. É a previsión que traslada, en declaracións a Europa Press, o enxeñeiro técnico agrícola Santiago Ramos, xerente da Asociación de Empresarios Viveristas do Noroeste, que engloba aos sectores de produción de planta ornamental, forestal e froiteira de toda Galicia.

En Galicia hai en funcionamento, segundo os seus datos, 180 viveiros de planta ornamental. O "elevadísimo" dato de peches, eses 70 negocios no peor dos casos, é a estimación para o caso de que as axudas non sexan "acordes ás perdas", precisa. E é que ante o actual panorama, o Goberno central estableceu subsidios cun tope de 20.000 euros e "dentro da asociación hai viveristas que tiveron que destruír plantas por valor de 300.000 euros", advirte.

PIDEN AXUDAS Á XUNTA

Tulipáns
Tulipáns | Fonte: pixabay

Por iso é polo que estean "a pelexar para que a administración autonómica tamén dea axudas". "As do ministerio saíron por destrución de planta; aquí estamos a pedir, e en principio dixeron que si, haberá que ver, por destrución de planta e por diferenza de facturación", destaca.

No caso galego, segundo matiza, tamén "hai moitos viveiros que non tiveron que destruír". Con todo, se a facturación "nun ano normal" rolda os 48 millóns de euros, os seus números fixan nuns 9 millóns de euros menos a facturación no que vai de ano. Por iso, comenta, reuníronse co conselleiro de Medio Rural, cuxo departamento "estaba a preparar unha orde de axudas" que entende que terá que ser aprobada "dentro deste ano". "Somos o único produto de produción primaria que prohibiron a venda a nivel nacional", laméntase.

A planta ornamental, cuxa produción na comunidade galega está representada nun 80% nesta asociación, véndese sobre todo na primavera: fai en torno ao 70% do negocio de todo o ano. No entanto, en 2020 o sector non puido traballar esa tempada a causa do coronavirus e houbo que destruír toneladas.

"A CONTAGOTAS"

Agora, no outono, as vendas adoitan supor ao redor dun 20%, segundo explica Ramos. Pero "están a ir moi amodo", xa que "a xente non está a arriscar absolutamente nada, non están a facer provisión nin de flor nin de planta". "Teñen o mínimo e a medida que van dando saída, van comprando", expón, en alusión a florarías, centros de xardinaría, tendas de agro e bazares, a quen distribúen, estes días principalmente crisantemos.

O "medo" ás restricións para acudir aos cemiterios é o que implicou unha produción un 10% inferior e menos vendas nas semanas previas a este día de defuntos. "O protocolo (da Xunta para visitar os camposantos) saíu a semana pasada, a xente non o tiña claro", sinala. Con todo, dá grazas por que se fixasen unhas normas e esta última semana foi "bastante forte".

O feito de que os floristas, os centros de xardinaría e as tendas de agro fosen comprando "ao día" implicou, segundo resalta, un maior custo en loxística para os viveiros. "Encarece moitísimo a man de obra", incide. Ademais, "outro dos puntos de venda fortes eran os mercados municipais, as feiras, e hai sitios en que están pechados", como Ourense e Celanova. Doutra banda, tamén lles afecta que as obras das administracións públicas "están pechadas" e as compras deste tipo de clientes tamén "van a contagotas".

Por ese motivo é polo que anticipa que o exercicio será "desastroso", a pesar de que, despois do primeiro estado de alarma, en xuño e xullo "vendeuse un 20% máis" con respecto ao mesmo período de 2019. "A xente quedou en casa e arranxou os xardíns e houbo máis venda", apunta, antes de insistir en que "o que non se vendeu non se recuperou".

VENDA EXTERIOR

Neste escenario, "a exportación aumentou" e ten un peso "cada vez máis" importante, co tirón de países como Alemaña, cunha subida de entre o 6% e o 8% das vendas. Esta saída para a produción supón unha vía de escape e, de feito, "hai viveiros que o seu mercado principal xa é a exportación", algo que impulsou a crise de 2008, cando os mercados exteriores permitiron ir "salvando" a situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta