Neumáticos, uralitas e moitos plásticos entre os case 10.000kg de lixo recollidos nas praias de Outes

Esta actividade é a primeira limpeza do proxecto Econoia que comprende 9 limpezas en total ao longo dun ano.

Por Galicia Confidencial | Outes | 01/11/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As mariscadoras a pé da confraría de Pescadores de Noia dedicaron á xornada do pasado venres á recollida de lixo mariño dos bancos marisqueiros de Broña, Portosiavo e San Cosme, no concello de Outes.  Unha actividade na que participaron 149 persoas que recolleron 25.368 obxectos diferentes que sumaron un volume de oito metros cúbicos e 6.905 quilos de peso.

Plásticos, neumáticos, refugallos, madeira e ata uralita entre o lixo recollido nas praias da ría de Noia
Plásticos, neumáticos, refugallos, madeira e ata uralita entre o lixo recollido nas praias da ría de Noia | Fonte: remitida

O 50% dos restos recollidos foron plásticos. Os residuos de maior proporción en peso, sen embargo, foron os entullos e as artes de pesca, das que se recolleron 2.000 kg en cada caso. Xuntaron 17 neumáticos de 420 kg e 704 pezas de roupa que pesaban 600 kg. O resto de residuos comprenderon restos de goma (546 pezas e 150 kg), porexpan (2.071 pezas), metal (1.837 pezas e 300 kg) , restos de madeiras de embarcacións (345 pezas e 400 kg) e tamén se atoparon residuos perigosos como pilas e restos de uralita. Entre os obxectos máis curiosos están os restos dun motor dun barco e todo o armazón metálico dun colchón.

As limpezas foron organizadas e coordinadas pola directiva da Agrupación de mariscadoras a pé e a asociación Mar de Fábula. A confraría puxo medios de transporte como tractores, camionetas e lanchas e contouse coa axuda de vixilantes e operarios.  O concello de Outes fíxose cargo da recollida final dos residuos.  

PROXECTO ECONOIA

Esta actividade é a primeira limpeza do proxecto Econoia  que comprende 9 limpezas en total ao longo dun ano e ten como obxectivo divulgar o impacto ambiental do lixo mariño.  Está dentro do programa Mar Limpo da Consellería do Mar e ten un presuposto de 204.206,33 euros dos que o 75% son fondos FEMP e o 25% da Comunidade Autónoma.

Limpeza realizada por mariscadoras en praias de Outes
Limpeza realizada por mariscadoras en praias de Outes | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta