GC Aberto

Despedidas roubadas

Texto de despedida dunha filla ao seu pai, Julián Zapata, falecido nesta fría pandemia de soidades impostas.

Por admin | GCAberto | 06/11/2020

Comparte esta noticia

A Covid-19 interrompeu unha vida chea de conversas, libros, música, cinema, humor e loucuras dun home entregado aos seus. Julián Zapata, que foi arquitecto de visado no Colexio Oficial Arquitectos de Galicia, na súa sede en Compostela, cidade na que era amplamente coñecido pola súa actividade profesional e cultural, falecía o pasado día 13 de outubro afectado pola pandemia.

Unha persoa ao coidado dun maior
Unha persoa ao coidado dun maior

Eu não sei senão amar-te,

Nasci para te querer.

Ó quem me dera beijar-te,

E beijar-te até morrer.

Fernando Pessoa

Así, sen máis, chega un día no que te decatas do tempo que levas sen achegarte ás agochadas por detrás dalgunha amizade para darlle unha palmada nas costas, apertala ou mesmo saltar sobre ela nun impulso entusiasta; de súpeto dáste conta da pouca frecuencia coa que ves a ese familiar de risco, agora que a cativada comezou a escola.

Entón abres os ollos e atópaste nesa sala fría, na que soa o concerto para piano no23 k488 de Mozart a través duns pequenos altofalantes, namentres agardas que nas paredes desa caixa pechada e illada podan sentirse suavemente as vibracións da melodía.

Que morra alguén que queres, pola pandemia, supera calquera pesadelo que puideras ter de nena. A pouca humanidade, empatía e respecto que ten o virus pola dor das/os familiares e achegadas/os, esta epidemia de soidade imposta, soamente é superada pola rabia, ira e impotencia que sentimos ao non poder acompañar, coidar e despedir. A sensación de abandono durante a enfermidade acompañaranos durante anos, esa necesidade profundamente primaria que nos é negada, e que en ocasións provoca o proceso de negación propio dun loito adiantado polo contexto sanitario no que estamos.

Aínda así estou certa que co tempo o aceptaremos e aprenderemos a convivir con esta inxustiza. Porque non nos enganemos, tardaremos en lembrar esta época sen ficar sen alento.

No medio desta voráxine de protocolos, prohibicións, medos, negativas, impotencia e dor, o persoal sanitario tenta axudar e facilitar en certa medida o proceso aos familiares; de feito eu puiden velo durante uns minutos, cun traxe que servía de barreira entre o seu corpo e o meu, cumprindo dalgún xeito e ata o último momento co distanciamento imposto pola enfermidade. Pero a dor e o amor non entenden en ocasións de normas... Nunca esquecerei o rato que pasei peiteando as súas cellas, agarimando o seu pelo canoso e lacio, namentres musitáballe palabras desexando albiscar algún movemento que me indicara que había esperanza.

Pero ao final foise en silenzo, en soidade.... e activouse o derradeiro protocolo.

Agora, xa na casa, escoito de novo a Mozart namentres penso que outros tempos virán e que agardo que regresemos a aqueles días nos que a morte era respectada, nos que podíamos dicir “ata breve” coas mans espidas, o corazón roto e os beizos cheos de bicos salgados pola dor.

“e ao final Mozart”...quérote papá.

Laura Zapata. Traballadora Social. Eterna aprendiz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sen palabras... Laura, unha forte aperta !