Cifra récord de mortes en Galicia pola pandemia, 21 mortes este luns

Houbo falecidos en todas as áreas sanitarias galegas; A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/11/2020 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

Vinte e un falecementos rexistrados este luns de persoas que contraeran o virus causante da covid-19 elevaron a 944 as vítimas mortais provocadas pola pandemia na Comunidade desde o seu inicio. 

Punto COVID habilitado no Ventorillo, na Coruña, para realizar as probas PCR. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo
Punto COVID habilitado no Ventorillo, na Coruña, para realizar as probas PCR. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo

A Consellería de Sanidade informou destes decesos, cifra récord nesta segunda onda da pandemia que se producen nun momento no que a autonomía está por encima dos 600  contaxios diarios, á vez que crece a presión hospitalaria en UCI. A última xornada que alcanzou estas cifras de falecidos foi o pasado 11 de abril, cando se informou de 23 mortes debido á incidencia da pandemia en Galicia.

As mortes son as dun home de 96 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) procedente da residencia intervida de Salvaterra de Miño (Pontevedra) e doutro home de 84 anos ingresado nese mesmo centro médico e usuario do mencionado xeriátrico.

Tamén unha muller de 92 anos no Hospital  Vithas Nosa Señora de Fátima, procedente da residencia de Salvaterra e Miño e no Chuvi morreron así mesmo un home de 82 anos, unha muller de 103, e unha muller de 95.

No Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) morreron unha muller de 81 anos e un home de 84, mentres que outro home de 93 faleceu na área sanitaria da Coruña. No hospital  Quirón Saúde morreu un home de 92 anos procedente da residencia  Ballesol de Oleiros e tamén unha muller de 84 do Hospital  HM Modelo Belén da Coruña.

Ademais, morreu unha muller de 85 anos na residencia  Nosa Señora dos  Anxos de Ribadavia e unha muller de 85 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) que procedía da residencia Nosa Señora dos Miragres en Barbadás.

Un home de 77 anos morreu no Hospital de Verín e procedía da residencia Val de Monterrei e outro home de 79 anos morreu na súa casa na área sanitaria de Lugo. Un home de 69 anos morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e procedía da residencia San Miguel de Silleda e outra muller de 89 anos, usuaria do mesmo xeriátrico, morreu tamén no CHUS.

Un home de 86 anos faleceu no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol ( CHUF) e unha muller de 89 no Arquitecto Marcide. Un home de 57 anos morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) e unha muller de 89 no Montecelo, procedente no seu caso dunha residencia.

A Xunta decidiu o pasado venres realizar un confinamento perimetral das sete cidades e algúns municipios limítrofes ata polo menos mañá e co obxecto de conter a expansión do  patóxeno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta