Pontedeume non denunciará a Endesa polos verquidos no Eume tralos votos en contra de PP e PSOE

Ambos grupos rexeitaron tamén a proposta do BNG para perdoar ós veciños os 10 días da factura da auga nos que esta non foi potable. Pontón propón que Endesa pague parte da recuperación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os grupos municipais do PSOE e o PP en Pontedeume votaron en contra de levar os verquidos acontecidos no Eume á Fiscalía. Así aconteceu no pleno mensual do concello, celebrado o pasado xoves 29, no que o grupo local do BNG propuxo unha dúas mocións a respecto do suceso ambiental, ambas as dúas rexeitadas tanto polo PSOE, que gobena con maioría absoluta, como polo PP.

Encoro do Eume
Encoro do Eume | Fonte: Colectivo Terra

As propostas do BNG ían dirixidas, por un lado, a tentar esclarecer a orixe dos verquidos detectados semanas atrás no encoro do Eume. Estes provocaron unha turbidez ata 100 veces superior á habitual no río, feito que levou ó Concello a prohibir ós veciños o consumo de auga da traída polo evidente perigo para a saúde.

Ante estas circunstancias, o grupo local dos nacionalistas instou ó alcalde socialista a levar o caso á Fiscalía para averigüar se, finalmente, os verquidos tiñan relación coa actividade de Endesa na zona, como sinalaron diversas asociacións ecoloxistas. Porén, tanto o grupo socialista como o popular votaron en contra dunha proposta que, como remarca Luís Pena, portavoz do Bloque na localidade: "só pretendía recoller máis información sobre o acontecido".

O mesmo curso seguiu a segunda proposta do BNG. A formación nacionalista demandou ó Concello que manobrara para perdoar ós veciños o custe da factura da auga correspondente ós 10 días que esta non foi potable. PSOE e PP, con todo, volveron a rexeitar a moción dos nacionalistas. 

250 MILLÓNS PARA "SALVAR" O RÍO

Na mesma xornada, a portavoz nacional do BNG achegouse ás Fragas do Eume para propoñer a posta en marcha dun plan de recuperación do entorno que estaría dotado cun orzamento de 250 millóns de euros. O obxectivo do chamado 'Plan Eume' sería avanzar cara "a recuperación ambiental e o impulso económico e social deste enclave natural".

A portavoz nacional do BNG detallou que o primeiro dos ámbitos desenvolveríase neste ano 2020 e no próximo 2021, coa "rexeneración do río" xa que "o primeiro que hai que facer é salvalo". Incluiría "tomar as medidas necesarias para a recuperación da súa contorna, coa realización dunha auditoría que mostre cal é a situación real e que ofrecerá logo as claves para a seguinte fase".

Segundo Pontón, deberá de ser a Xunta a encargada de realizar este traballo e así esixir "responsabilidades a Endesa, coas compensacións necesarias, porque quen contamina non se pode ir de rositas sobre todo cando obtén grandes beneficios". En canto ao Plan de actuación, a desenvolver ata o ano 2025, Pontón cifrouno en "250 millóns de euros", que deberán de ser achegados por Endesa, Xunta e outras administracións, "elaborado nun amplo proceso de participación social e institucional, coa implicación de todos os concellos afectados, así como os axentes económicos e sociais afectados". En canto á maneira de xestionar o mesmo, o BNG propón a fórmula de "un consorcio ou dun convenio" coa participación dos municipios e da Deputación da Coruña.

PLAN REITOR

Segundo Ana Pontón, "este plan debe recoller actuacións de conservación e recuperación do patrimonio natural e cultural, actuacións de dinamización socioeconómica, de promoción, divulgación e participación e investimentos en mellora de infraestruturas e servizos". Ademais, apuntou que esta proposta "debe de ir acompañada do Plan reitor de uso e de xestión do Parque natural das Fragas do Eume, sen aprobar polo Goberno do PP a pesar de transcorrer décadas desde a declaración como espazo natural" desta zona que aglutina a cinco municipios: As Pontes, A Capela, Cabanas, Pontedeume e Monfero.

A portavoz do BNG aproveitou a súa presenza na zona para criticar a situación na que está o río Eume, "que ten --esgrimiu-- en Endesa o seu máximo responsable e na Xunta un cómplice necesario, xa que se dedicou durante anos a miar para outro lado". Neste escenario, aludiu á situación vivida recentemente, coa turbidez da auga, que impediu durante máis de dez días o seu consumo polos veciños de Pontedeume, e sinalou que "é a punta do iceberg dun desastre ambiental anunciado, porque non se tomaron medidas nin se actuou con decisión para frear a contaminación e esixir responsabilidades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Iván González

Non denuncian mentres as investigacions que levan abertas varias semanas xa e que teñen como obxetivo esclarecer, con probas, quen foi o culpable da turbiez das augas non rematen. Segundo palabras do alcalde de Pontedeume (as cales están á disposición de calqueira no seu perfil de Facebook) una vez rematen esas investigacións levaranse a cabo a medidas que toquen. Cando se da unha noticia hai que falar con todolos bandos, non quedar so coa versión sin lado.

1 Un lector

Tes que ler máis este xornal. Vese que non entras moito: http://www.galiciaconfidencial.com/... O Concello tamén tivo a súa propia noticia sobre o tema

1 Phodemos ou non?

Sarna con gusto non pica. Os "botantes" deses partidos deberían estar sen auga 2 anos e ademais deberíanlles cobrar doble por ela. Un ten o que merece nin máis nin menos.