O profesor Edelmiro López pide que o investimento sexa a "panca básica" da recuperación económica en Galicia

Uso adecuado de fondos europeos, aproveitar a capacidade de endebedamento e mobilizar o aforro galego, entre as súas recomendacións.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/11/2020 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Edelmiro López, asegurou que a reactivación da economía galega e a súa reestruturación a medio prazo debe de ter como "panca básica" o investimento. Esta foi unha das reflexións lanzadas polo experto durante a súa comparecencia na Comisión sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia que arrincou este martes no Parlamento de Galicia.

O profesor de Economía Aplicada da USC, Edelmiro López, na comisión de reactivación do Parlamento de Galicia
O profesor de Economía Aplicada da USC, Edelmiro López, na comisión de reactivación do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

O profesor de Economía Aplicada puxo en valor o papel do investimento para "tirar da demanda" e sentar, ao mesmo tempo, "as bases para unha estrutura económica máis forte a longo prazo". Neste contexto, sinalou que o papel central debe de ser xogado polo "investimento privado" polo que considerou necesario que as administracións poñan en marcha políticas que a impulsen.

Con todo, subliñou que estes estímulos deben de ser "selectivos" e centrarse nos sectores nos que Galicia conta con "vantaxes comparativas", que "xeren empregos de calidade" e que sexan "sustentables" tanto desde o punto de vista social como o ambiental.

Ademais, considerou que se deben de substituír as tradicionais subvencións por outros mecanismos que faciliten o acceso das empresas ao financiamento ou mesmo pola participación, "aínda que sexa temporal", da Xunta nestas empresas.

"Partindo do papel central do investimento privado, sobre todo a curto prazo é imprescindible un papel activo do investimento público para soster a actividade económica a curto prazo e axudar a sentar as bases dunha economía mellor no futuro", subliñou.

Neste punto, fixou catro "prioridades" para empregar os recursos públicos: as cuestións relativas á reindustrialización da economía, a aposta polo coñecemento e a innovación, a dixitalización (cunha aposta pola chegada da banda ancha no rural) e "todo o relacionado coa transición ecolóxica".

OBTENCIÓN DOS RECURSOS

Ademais, outra das catro reflexións principais que o profesor de Economía Aplicada lanzou na súa comparecencia é a relativa ás vías das que se poden obter os recursos para lograr este "esforzo investidor público e privado".

Deste xeito, en primeiro lugar, recomendou aproveitar "ao máximo" e "usar adecuadamente" os fondos da Unión Europea procedentes do fondo Next Generation, pero tamén as contías que forman parte do orzamento normal da Unión Europea para o período 2021/2017 --PAC, Fondo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo.

En segundo lugar, propuxo "utilizar ao máximo" a capacidade de endebedamento do Estado e da Administración autonómica. "Sei do necesario equilibrio, pero a historia ensínanos que hai momentos nos que eses principios se deben de flexibilizar", apuntou.

Á beira destas vías de captación de recursos públicos, situou a "mobilización do aforro" dos fogares e as empresas galegas para investimentos produtivos no territorio galego. "É fundamental adoptar medidas para que este aforro se mobilice en maior medida en investimentos na nosa economía", sostivo.

Todo iso nunha comparecencia que iniciou sinalando que "a sociedade galega non só ten por diante a reactivación ante a pandemia, senón que aínda debe de recuperar os impactos da crise do 2008. Ademais, incidiu en que o principal problema da economía galega é a súa "incapacidade para xerar emprego en volume suficiente, especialmente o de calidade".

MEDIO RURAL

Edelmiro López tamén profundou sobre medidas concretas para o medio rural. Respecto diso, no relativo á PAC, avogou por redefinir as axudas directas e por priorizar as de desenvolvemento en cuestións como a posta en valor das terras abandonadas e unha ordenación adecuada dos usos que permita converter "o que ata agora consome recursos en fonte de xeración de riqueza". Tamén avogou por consolidar unha industria agroalimentaria "moito máis potente" e polo desenvolvemento de actividades no rural a través de "instrumentos financeiros" en lugar de "subvencións".

Tras iso, subliñou que se debe de adaptar o sector agroalimentario á situación que establecerá tras os cambios provocados pola pandemia e, entre outras cuestións, avogou por fomentar a distribución dos produtos agrícolas no comercio en liña para o que propuxo a habilitación dunha gran plataforma público-privada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta