Galicia camiña cara ao millar de mortos con Covid-19: sete novos falecidos elevan a 951 o total de vítimas

O país alcanzou esta semana niveis de abril.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2020 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

Sete novos falecidos con COVID-19 confirmados nas últimas horas elevan a 951 o total de mortes rexistradas en Galicia debido á incidencia da pandemia. Polo menos dous dos casos procedían de residencias de maiores.

Un profesional sanitario baixa da ambulancia na que viaxa un paciente con Covid-19 que foi trasladado desde o Hospital do Incio ao Hospital de Lugo
Un profesional sanitario baixa da ambulancia na que viaxa un paciente con Covid-19 que foi trasladado desde o Hospital do Incio ao Hospital de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

En concreto, trátase dun home de 58 anos, falecido no Complexo Hospitalario da Coruña e que era do centro Ricardo Baró de Oleiros; e dunha muller de 91 anos que procedía da residencia San Cibrao de Cervo, e que se atopaba ingresada no Hospital Público da Mariña.

O resto de casos son un home de 66 anos no CHUAC, unha muller de 95 anos e un home de 93 no Complexo Hospitalario de Vigo, e outras dúas mulleres: unha de 83 anos no Arquitecto Marcide e outra de 89 no HULA.

Segundo engaden as autoridades sanitarias, todos os falecidos presentaban algunha patoloxía previa.

Con estas sete vítimas, Galicia alcanzou o total de 951 falecidos este martes. Esta mesma semana, o luns, rexistrouse o maior número de mortes por coronavirus nesta segunda onda da pandemia e con cifras que se remontan a principios do mes de abril.

O pasado xoves notificouse o maior número de mortos nunha mesma xornada desde que comezou a segunda onda (13) e superouse a barreira dos 900 falecementos con coronavirus.

A primeira morte computada na denominada 'nova normalidade' foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, Galicia encadeara case dous meses --desde o 10 de xuño-- sen decesos relacionados coa pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta