Lugo e Ourense lideran a suba do paro en Galicia no mes de outubro

Galicia conta con 180.000 persoas en paro e 18.000 en ERTE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 10:02

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en 4.733 persoas en outubro en Galicia en relación co mes anterior,  de forma que situou o total en 181.307 persoas, segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Traballo e Economía Social. Na comparativa anual, o desemprego en Galicia é en outubro de 2020 un 10,35% superior ao que había durante o mesmo mes de 2019, isto é, 17.000 persoas máis en paro.

Por comunidades autónomas, é o sétimo maior aumento en termos absolutos, por detrás dos rexistrados por Andalucía, Canarias, Cataluña, Castela-A Mancha, Madrid e Castela e León.No conxunto estatal, o desemprego incrementouse en 49.558 desempregados en outubro (+1,3%), a súa menor subida neste mes desde o ano 2016, cando se incrementou en 44.685 persoas.

Unha parella pasa á beira dunha Oficina de Emprego en Madrid (España), a 2 de setembro.. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo
Unha parella pasa á beira dunha Oficina de Emprego en Madrid (España), a 2 de setembro.. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

POR PROVINCIAS

Por provincias, o desemprego, en cifras absolutas, creceu sobre todo en Pontevedra (+1.736 e un 2,58%), seguida da Coruña (+1.598 e un 2,22%). En Ourense e Lugo, con todo, os incrementos do paro foron maiores en números relativos, ao subir un 3,85% e un 3,67%, respectivamente (+759 e +650). Na evolución anual, son 8.921 parados máis na Coruña que en outubro do ano pasado, 4.328 máis en Pontevedra, 2.013 en Lugo e 1.738 en Ourense.

POR ACTIVIDADE ECONÓMICA

Mentres, por actividade económica, son 401 parados máis na agricultura, ata 6.672 persoas; 155 máis na industria, ata 19.048; 116 máis na construción, ata 13.457 e 3.698 máis no sector servizos, ata 125.889. O colectivo sen emprego anterior rexistra 16.241 parados na comunidade galega durante o mes de outubro, que son 363 máis que en setembro.

En Galicia, o desemprego afecta a 13.670 estranxeiros: 945 na agricultura, 732 na industria, 671 na construción, 7.867 no sector servizos e 3.455 sen emprego anterior. Son 660 máis que no mes anterior (+5,07%) e 3.707 máis que no mesmo período do pasado exercicio (+37,21%). Deles, 4.587 proceden de países comunitarios e 9.083 son extracomunitarios.

Os demandantes de emprego, 260.678 persoas na comunidade, repártense entre 41.013 ocupados, 23.992 que indicaron na súa solicitude condiciones especiais de traballo e os restantes 195.673, non ocupados. Estes últimos son 5.395 máis que o mes anterior (+2,84%) e 19.539 máis que en outubro de 2019 (+11,09%).

INCREMENTO AFILIACIÓN

Paralelamente, a Seguridade Social gañou de media 219 afiliados en outubro en Galicia, un 0,02% máis que no mes anterior, ata situar o total en 1.012.018 persoas, segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

En relación con outubro de 2019, son 15.432 cotizantes menos ao sistema na comunidade galega, o que representa un descenso do 1,5%. Por provincias, na comparativa mensual (outubro respecto de setembro), só subiron os afiliados na Coruña, con 2.229 máis. Baixaron en 1.207 persoas en Pontevedra, en 447 en Ourense e en 357 en Lugo.

Os afiliados o último día de outubro na comunidade galega situáronse en 1.012.710 persoas, fronte aos 1.005.106 cotizantes do último día de setembro. Por réximes, son 783.272 cotizantes no xeral (752.633 do subtipo xeral, 5.573 do sector agrario e 25.065 do fogar), 207.941 autónomos, 20.805 traballadores do mar.

ERTE

Seguridade Social publica tamén este mércores os datos relativos a traballadores incluídos en expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE). Na comunidade galega, o dato total para outubro é de 18.505 persoas e de media alcanzan as 19.792, delas 8.830 homes e 10.961 mulleres.

A maior cifra correspóndese coa provincia da Coruña (8.954), seguida polo número de Pontevedra (6.471) e máis de lonxe por Ourense (2.349) e Lugo (2.017).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta