Catro anos de cárcere para un home que abusou da súa sobriña en Santiago

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar a condena.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de catro anos de cárcere a un home que abusou sexualmente da súa sobriña de 14 anos no domicilio familiar que compartían en Santiago de Compostela.

Os maxistrados da sala do civil e penal consideran acreditado, do mesmo xeito que a Audiencia Provincial da Coruña, que o acusado tirou a menor sobre a súa cama, colocouse encima dela e bicouna na cara e no pescozo, así como que en varias ocasións, ao longo do ano 2016, lle realizou tocamentos.

Respecto diso, o TSXG destaca que "a declaración do propio acusado, a de dúas testemuñas e un segundo informe pericial psicolóxico constitúen un acervo probatorio que, como razoada e razoablemente conclúe a Audiencia, pon de manifesto que o acusado abusou da súa sobriña non só cando a tirou encima da cama, senón tamén en varias ocasións anteriores".

A sala indica que a declaración "coherente e persistente" da vítima está corroborada "polo informe psicolóxico practicado e pola declaración da súa nai e a súa tía".

En canto á versión do acusado, resalta que "non só resultou pouco coherente, senón que chegou a recoñecer determinados feitos que casan máis coa versión exposta pola denunciante que coa súa". Os maxistrados subliñan na sentenza que os actos realizados polo condenado "teñen inequívoco carácter sexual".

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta