O Concello de Pontedeume lembra que foi o primeiro en denunciar a contaminación no Eume

Destaca que denunciará a situación ante os tribunais cando teña as conclusións da investigación posta en marcha e critica a "manipulación" do acontecido no pleno por parte do BNG.

Por Galicia Confidencial | Pontedeume | 04/11/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Concello de Pontedeume anunciou que denunciará a Endesa ante os tribunais cando teña as conclusións da investigación posta en marcha para esclarecer os vertidos no río Eume. Deste xeito, quere aclarar os feitos e desmentir o publicado polo BNG, que dixo que PPdeG e PSdeG votaran para evitar unha investigación sobre o acontecido.

Instalación de barreiras no río Eume, onde verteduras obrigaron a prohibir o consumo de auga en Pontedeume.. XUNTA
Instalación de barreiras no río Eume, onde verteduras obrigaron a prohibir o consumo de auga en Pontedeume.. XUNTA

O Concello de Pontedeume, gobernado polo PSdeG, lembra que o BNG propuxo que se denunciase xa ante a Fiscalía de Medio Ambiente o sucedido no río sen ter estudos previos de ningún tipo. Así, destaca que o dia 14 de outubro o propio alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, informou de que dende o Concello se remitiran sendos escritos de denuncia ante a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio de Transición Ecolóxica, ás que se sumaba a realizada o día 5 ante Augas de Galicia.

"Presentáronse estas denuncias para que estes organismos, que son os que teñen competencias na materia e os medios para poder investigar este suceso, aclarasen a orixe do problema, as posibles consecuencias sobre o medio, e os posibles responsables, para iniciar posteriomente as accións oportunas ante os tribunais", indica o concello nun comunicado.

Por iso, critica ao BNG por pretender que o Concello presente perante a Fiscalía unha denuncia "sen ningún tipo de proba que acredite un dano ecolóxico no ecosistema e sen que se identifique con algún medio probatorio ao responsable ou reponsables destes feitos". "Por este motivo, e para evitar presentar unha denuncia sen datos técnicos que confirmen algún tipo de delito, arriscándonos polo tanto a que se arquive", engade.

Finalmente, o Concello de Pontedeume lembra que foi o "único" en denunciar estes feitos ante as autoridades competentes, tanto na conca do río, coma no parque natural coma no Ministerio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta