Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/11/2020 | Actualizada ás 22:00
As augas das concas hidrográficas de Galicia e do Norte de Portugal ocultan novos contaminantes. Contamintantes, nalgún casos moi perigosos, procedentes do saneamento público de concellos e grandes cidades que son difíciles de depurar e que acaban no mar. De feito, un equipo interdesciplinar de investigadores, no que participan oito institucións galegas e lusas, atopou ata 3.200 destes axentes contaminantes emerxentes.
Os contaminantes emerxentes son compostos "aínda pouco caracterizados" e habitualmente liberados nos ecosistemas de forma indiscriminada. Entre estes axentes contaminadores están fármacos, produtos de uso persoal, pesticidas e químicos industriais que non son totalmente procesados nas plantas depuradoras (Edar).
Para identificar estes contaminantes emerxentes e desenvolver novas tecnoloxías para mitigalos creouse a rede interdisciplinaria Nor-Water que quere converterse nun foro de colaboración público-privado sobre contaminantes emerxentes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A idea sobre a que vira esta iniciativa é a de poder intercambiar coñecementos, identificar necesidades e prioridades, e avanzar nas capacidades de detección, control e mitigación deste tipo de contaminantes e do seu impacto nos ecosistemas e na saúde pública.
"Queremos facer unha caracterización detallada dos contaminantes emerxentes e das súas fontes nos cursos de auga das dúas rexións", destaco investigador Miguel Santos, do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (Ciimar) da Universidade do Porto, e a entidade coordinadora deste proxecto, financiado polo programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP). "Sabemos que os contaminantes emerxentes son problemáticos para a saúde dos ecosistemas e para a saúde humana", engadiu.
"RISCO PARA A SAÚDE"
"Por tanto, son químicos que aínda non están regulamentados, mais que se pensa que poida existir un risco para a saúde dos ecosistemas e dos humanos", afirmou o investigador en declaracións á Axencia Lusa, destacando que o proxecto vai no camiño da Directiva Cadro da Auga da Unión Europea. "Esta directiva, alén de identificar un conxunto de químicos que teñen que ser notificados, ten unha lista de químicos que deben ser monitorizados, unha vez que aínda se coñece pouco, mais hai evidencias de que poden ser bastante tóxicos", sinalou.
Alén da identificación e caracterización destes compostos, os investigadores pretenden mitigar a súa presenza e, para tal, están a desenvolver novas tecnoloxías que poidan ser aplicadas nas estacións de tratamento de auga. As solucións teñen esencialmente como base "métodos avanzados de oxidación" por forma a "provocar a degradación destes compostos e transformalos en produtos menos tóxicos".
VARIAS ENTIDADES IMPLICADAS
A Rede Nor-Water creouse con vocación de expansión e continuidade máis aló do consorcio actual e da vida do proxecto e conta cun orzamento de 579.475,40 euros. Ademais do CIIMAR,nel participan a USC; a Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar); a Agência Portuguesa do Ambiente, a Administração da Região Hidrográfica do Norte; as cámaras municipais de Viana do Castelo (Centro Monitorização e Interpretação Ambiental) e Vilanova de Cerveira ( Aquamuseu do Río Minho); e o Laboratorio Asociado LSR-LCM (Laboratório de Processos de Separação e Reação- Laboratório de Catálise e Materiais) da Universidade de Porto.
Coa intención de que o proxecto, que termina en Maio de 2022, se "perpetúe alén do seu tempo de vida·, as oito entidades crearon unha rede de colaboración público-privada para a detección, control e mitigación destes contaminantes. "O obxectivo desta rede é pór en contacto todas as entidades que teñen interese nesta área, de forma a permitir que novas tecnoloxías e abordaxes fagan que augas desta rexión acaden un nivel ecolóxico e calidade química mellor da que a teñen actualmente", destacou Miguel Santos.
Os impulsores deste proxecto contemplan actividades de educación e sensibilización así como accións para promover a transferencia dos resultados ás administracións competentes e ás empresas tecnolóxicas a cargo da depuración de augas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.