A campaña da gripe da Xunta entrou en “desabastecemento” aos 6 días, din os sanitarios

Multiplícanse as críticas contra a “incorrecta planificación” da Consellería de Sanidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Proseguen as críticas contra o goberno de Feijóo pola xestión da campaña da gripe. As acusacións de desabastecemento iniciadas por colectivos médicos e logo continuadas polo PSdG volven prender nos centros sanitarios. Desta vez, é o colectivo enfermeiro da atención primaria -os encargados de poñer a vacina- o que carga contra a “planificación inadecuada” da Xunta.

Unha dose de vacina contra a gripe. Eduardo Parra - Europa Press
Unha dose de vacina contra a gripe. Eduardo Parra - Europa Press

Ao igual que as denuncias previas, o comunicado da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) sostén a campaña da gripe deste ano “ía requirir máis persoal e medios, especialmente no que atinxe a “loxística e a distribución”. De feito, e segundo a asociación, este incremento de profesionais e loxística xa foi demandado polas organizacións do sector “antes do inicio da campaña”

A necesidade de incrementar medios viña marcada por un “incremento da demanda”, motivada tamén pola campaña de promoción da Xunta de Galicia. Tamén para este aspecto teñen críticas os sanitarios, que afean ó executivo de Feijóo a presenza de “mensaxes contraditorias” sobre “quen se debe vacinar”. Dun xeito paralelo, consideran que houbo “falta de claridade” á hora de explicar “quen constitúe os grupos de risco”, especialmente chamados ós centros de saúde.

Estas circunstancias, unidas a unha “incorrecta planificación da loxística” está derivando en que, segundo denunciou o PSdG, haxa galegos que estean a quedar sen vacina. O deputado socialista Julio Torrado asegurou uns días atrás que a Xunta se demostrou “máis preocupada de anunciar as cousas que de facelas ben”. “Chaman a vacinarse a miles de persoas, acumulan as solicitudes nos centros de saúde e logo dinlles que non hai doses”, explicou o voceiro sanitario do grupo socialista. 

Segundo os sanitarios, o problema vén porque o mecanismo de distribución das doses non dá abasto para conter a demanda. Tal e como explican dende AGEFEC, O Sergas distribúe vacina dous días á semana, 3 ó comezo da campaña, unha regularidade moi baixa porque, á parte, os centros de saúde teñen unha “capacidade limitada” para almacenar “en óptimas condicións” o medicamento.

VIOLENCIA SOBRE OS ENFERMEIROS

Para o colectivo enfermeiro de atención primaria, o “desabastecemento” está a supoñer “un importante trastorno” no curso da campaña. “Esta situación da lugar a unha sobrecarga de traballo innecesaria pois implica que na medida das posibilidades temos que avisar á poboación para que non acuda e darlle unha nova cita”, destacan.

Por riba, o colectivo de enfermeiros destacan que están a sufrir un “notable incremento de violencia verbal por parte dos pacientes” ao ter que ser eles os que “dan a cara ante a poboación”. Nestas circunstancias, AGEFEC insta á administración a que “melloren” as canles de distribución e abastecemento das vacinas para poder satisfacer a demanda entrante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta