A presidenta da Deputación de Pontevedra critica que sigan abertos prostíbulos mentres se pecha a hostalaría

Carmela Silva pide ir máis aló e "tomar medidas para que se pechen xa para sempre" os locais de prostitución.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/11/2020 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o seu apoio ás medidas adoptadas pola Xunta contra o avance da pandemia pola Covid-19, pero mostrou o seu enfado en relación co silencio sobre os establecementos nos que se exerce a prostitución e que non aparecen recollidos nas medidas publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Prostíbulo
Prostíbulo | Fonte: taringa.net

"Imos pechar bares e restaurantes, pero os prostíbulos seguen abertos. Hai que pechar os prostíbulos", lamentou. "E, por certo, hai que tomar medidas para que se pechen xa para sempre", afirmou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación de Pontevedra fixo estas declaracións este xoves durante a presentación dunhas xornadas nas que se analizará a cosificación das mulleres a través da Escola de Igualdade María Vinyals.

A mandataria socialista engadiu que espera que o Goberno autonómico que preside Alberto Núñez Feijóo promova medidas económicas para apoiar a hostalaría porque "despois será imposible rescatalos", explicou.

O FALSO MITO DA LIBRE ELECCIÓN DAS MULLERES

O 12 de novembro a Escola de Igualdade María Vinyals, da Deputación de Pontevedra porá en marcha a xornada en liña 'Libres? Cosificación do corpo das mulleres', unha iniciativa na que se tratará a orixe da desigualdade estrutural, os factores que favorecen a naturalización e a validación das violencias machistas e da falta da liberdade da muller.

Neste mesmo acto tamén se presentaba a 'Maleta dos Océanos', un traballo que desenvolve a Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A proposta busca empatizar co alumnado para buscar outra forma de cambiar o mundo.

A presidenta provincial tamén anunciou que o 19 de novembro presentarase unha nova edición de #ViolenciaZero nas Ruínas de Santo Domingo. As primeiras accións previstas chegarán o 25 e o 26 de novembro nas cidades de Pontevedra e de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta