O PP de Ourense veta ao socialista Villarino como alcalde da cidade

Os "populares" insisten en que o único goberno que presenta "estabilidade" para a cidade pasa por unha coalición PP-PSOE na que asegurou "terá cabida Ciudadanos" e non o BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2020 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O PP de Ourense vetou ao portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, como candidato para chegar a un acordo co PSOE que permita retirar da Alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome. Ademais, sinala que mentres que Ciudadanos si tería cabida nun posible pacto, os nacionalistas non.

Despois de que os socialistas anunciasen que depositarían unha proposta de moción de censura nunha notaría para que o resto das forzas se sumasen, os populares rexeitan "asinar un cheque en branco" ao PSOE. Así, rexeitan que Villarino sexa o candidato e aseguran que si aceptarían a "calquera dos outros oito edís" do PSOE.

Diso informou o popular Jesús Vázquez, quen insistiu en que o único goberno que presenta "estabilidade" para a cidade pasa por unha coalición PP-PSOE na que asegurou "terá cabida Ciudadanos".

O que fose alcalde da cidade a pasada lexislatura manifestou que Rafael Villarino non pode ser o candidato á alcaldía porque "leva dous meses demostrando escaso talante democrático, e nula capacidade de diálogo, e de negociación", ademais fixo fincapé en que as formas que emprega "non son as correctas". "Se pretende que o apoiemos mentres nos cospe na cara, non é o camiño", aseverou Vázquez.

O popular criticou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero deixase "claro" que non autoriza ao PSOE de Ourense a establecer unha coalición PSOE-PP a pesar de que, na súa opinión, esa é a forma de obter os 14 apoios sen "ir pedindo votos". Por iso, asegurou que, pola súa banda, están dispostos a sentar "hoxe mesmo" a dialogar "se designan a outro candidato".

Jesús Vázquez tamén considerou que Villarino non sería "un bo alcalde" pola súa "ambición desmedida". "Non está preparado para dirixir un goberno de coalición e, actualmente, nin sequera o seu propio grupo municipal", sostivo.

NOVO RUMBO PERO "NON A CALQUERA PREZO"

Os populares aseguraron que a cidade necesita un novo rumbo pero "non a calquera prezo" porque o que indicen en que o que o PSOE "quere" é "unicamente a alcaldía", "un cheque en branco do PP, para que, cos seus propios votos, poidan exercer un cordón sanitario. "Non vai suceder", insistiu.

"Ourense non só necesita un novo alcalde, necesita unha estabilidade" que, asegurou, non se conseguirá se o Partido Socialista, non cambia de interlocutor posto que "quere ser alcalde aínda que o día de mañá non teña votos suficientes para sacar absolutamente nada adiante".

PROPOSTA DE MOCIÓN DE CENSURA

Pola súa banda, os socialistas volveron a defender este xoves a súa proposta de moción de censura ao considerar que é "o único acto posible" para "cambiar o actual goberno de tres" e sacar ao concello da terceira cidade galega do "desgoberno e a parálise".

Para iso, realizaron un novo chamamento ás demais forzas políticas nas que o portavoz municipal, Rafa Villarino, apuntou directamente a Ciudadanos destacando que "é o momento de que se retraten e deixen de esperar a decisión dos populares".

Ademais, preguntado polo veto á súa figura como candidato á Alcaldía, Villarino afirmou que "só se trata dunha nova condición do partido das condicións". "Jesús Vázquez non é quen para vetar o voto popular que elixiu a este candidato socialista", expresou en referencia a si mesmo.

Rafa Villarino afirmou que o Partido Socialista non cambiará ao seu candidato porque "non é unha decisión do Partido Popular". "Nós non vetamos a Jesús Vázquez cando foi o peor alcalde desta cidade e o responsable de que agora estea Jácome na alcaldía", incidiu.

Ademais, engadiu que se trata de "un xogo" dun partido "trampista" que defende a lóxica de que goberne a lista máis votada e "con todo veta ao candidato que decició esa lista", "dicir unha cousa e demostrar outra, só para facer tempo e que Jácome finalice o seu mandato", sentenciou o portavoz socialista.

CS ACUSA AO PSOE DE "MARCARSE UN VOX"

Pola súa banda, o portavoz municipal de Cidadáns, José Araújo, considerou que a decisión executada polo PSOE municipal e avalada polo secretario xeral, Gonzalo Caballero, é "marcarse un Vox, ir a por unha moción de censura sen ter os apoios suficientes".

Deste xeito, criticou que Partido Popular e Partido Socialista levan semanas "enredando e facéndonos perder tempo", pero non deu resposta á petición de Villarino. No seu lugar, insistiu en que, desde a formación laranxa, "van seguir pelexando por unha solución que signifique sumar os esforzos de todos".

Tamén asegurou esa "solución de verdade" para traballar polo "futuro da cidade" estará "baseada no consenso e sen egos de ningún partido político" e que se presentará "a finais de semana".

O BNG REXEITA AS  "COTAS DE PODER"

O Bloque Nacionalista Galego mantivo a súa postura de non querer "cotas de poder" pero mostrouse partidario de apoiar a moción de censura. Con todo, rexeita facelo nunha notaría na que o PSOE depositou a proposta e aposta por rubricala cando chegue ao rexistro do concello. "É o procedemento válido" e "todo o demais son máis xogos florais", indica.

Neste sentido, o portavoz municipal, Luís Seara, lamentou "o espectáculo que veñen ofrecendo PP e PSOE" e lembrou que mentres non haxa acordo "as demandas veciñais seguen sen resposta" e o concello "sen unha folla de ruta que permita abordar con seriedade a situación".

Aínda tendo as firmas de BNG e Ciudadanos a moción de censura non sairía adiante por mor de contar con 13 dos 14 apoios necesarios, é por iso que desde o Partido Socialista insistiron en que "o movemento fácil" teno "o Partido Popular" que unicamente ten que ceder un dos seus votos.

No entanto, o Partido Popular non cedeu, ata a data, a esa posibilidade. Quedaría o voto de Telmo Ucha, anterior concelleiro de Democracia Ourensana e, actualmente, concelleiro non adscrito. Co seu apoio daría a suma, pero o Partido Socialista asegurou que "non se sabe se tería valor legal actualmente esa firma".

Rafa Villarino
Rafa Villarino | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gerardo Seoane

Son afiliado do PSdG-PSOE na provincia de Ourense e debo felicitar ó PP por vetar a semellante personaxe..... Xa temos demasiados tunantes na política como para converter a un máis en todo un excelentísimo, que eso hai que merecelo, non sé-lo por rebote trogonom´metrico

1 Gamela

Noraboa pola sinceridade, cóidate do Ministerio da Verdade, seguro que xa están á procura do disidente... teñen 6 meses para practicar a solución final (?) Bromas aparte, cres que esta liorta ten como fondo o tema das Torres do Miño (como afirma Jácome) ou ese pelotazo de 20 alturas non ten nada que ver coa crise municipal (?) Saúde