O xulgado ordena aos Franco devolver o Pazo de Meirás ao Estado o 10 de decembro

A entrega será verificada pola comisión xudicial no propio inmoble. O delegado do Goberno ve un "triunfo" da democracia a "inminente recuperación".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/11/2020 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña acordou, a instancias do Estado, a execución provisional da sentenza que declara que o Pazo de Meirás é propiedade pública e ordena á familia Franco a súa devolución.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada fixou a entrega voluntaria do inmoble por parte da familia Franco o 10 de decembro, ás 11 horas. "Por motivos de seguridade, e co fin de preservar a súa integridade, a entrega será verificada pola comisión xudicial no propio pazo", precisa.

Respecto diso, lembra que os demandados mostráronse conformes coa execución provisional da sentenza, segundo trasladaron nun escrito remitido esta semana ao xulgado e á espera de que a Audiencia da Coruña se pronuncie sobre o seu recurso de apelación.

No entanto, a xuíza advirte que, se non realizan a entrega no día e hora sinalados, "procederase no mesmo acto ao inmediato desaloxo".

CONDENA

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou o pasado 2 de setembro a demanda interposta polo Estado e declarouno propietario do Pazo de Meirás, polo que condenou a familia Franco á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirmaba incorrer para o mantemento da propiedade.

No procedemento, a Xunta de Galicia, o Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación coruñesa defenderon tamén a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constaban seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.

A maxistrada declarou na sentenza a nulidade da doazón efectuada en 1938 da "leira denominada Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma".

Ao entender que a propiedade do inmoble corresponde ao Estado, a xuíza declarou tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco se fixeron coa leira, así como a doazón que se recolle nunha escritura de novembro de 1982.

DELEGADO DO GOBERNO

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, cualificou como "un novo triunfo da democracia" a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número uno da Coruña .

Destaca a "inminente recuperación" do inmoble e sostén que é "un paso necesario nunha democracia plena, que merece unha adecuada memoria histórica".

Tamén remarca que antes do inicio do xuízo, xunto á subdelegada na Coruña, Pilar López-Rioboo, reuniuse co avogado do Estado xefe en Galicia, Javier Suárez, "para abordar a estratexia xurídica, nunha tarefa coordinada con Carmen Calvo", sinala sobre a vicepresidenta do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta