Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/11/2020 | Actualizada ás 22:20
Hai 48 anos, Xosé Manuel Beiras publicaba unha obra que foi todo un referente para a economía e a política de Galicia. “O Atraso Económico de Galiza”, unha obra na que analizaba o por que da dependencia da economía galega a superestruturas alleas ao país. E o facía nunha editorial que entón era todo un referente no país, Galaxia.
Case 50 anos despois, esa editorial xa non é, nin representa o que era, e é outra Laiovento , fundada en 1991 por un grupo de intelectuais --entre eles o propio Beiras--, a que volve reeditar esta obra porque aínda que mudaron os tempos, as formas e os métodos, "os problemas de fondo, as causas e as razóns do atraso económico da Galiza son basicamente os mesmos". Nesta edición, o catedrático de Estrutura Económica realiza unhas notas aclaratorias e complementarias que ilustran os principais argumentos desta obra xa clásica no panorama do pensamento económico.
“Morfolóxicame, todo mudou entre a Galiza que eu tentei 'retratar' hai cinco decenios e a de arestora. Haberá quen pense que para millor -feliz el-. Certamente, o atraso, como síndrome da nosa realidade social, é sen dúbida pasado”, indica o veterano político nesta nova edición.
“Mais a patoloxía subxacente que se manifestaba daquela na realidade ostensíbel en forma de atraso, foi erradicada?. Ou só mudaron as formas en que se manifesta na superficie do noso corpo social? Foron erradicadas as causas das nosas graves doenzas, ou só mudaron os síntomas?”, di Xosé Manuel Beiras que se pregunta se Galiza deixou de ser unha “colonia interna da formación capitalista española” a selo da UE e o Estado español un “protectorado dela”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.