'Eu máis', un novo filme documental galego que percorre con éxito os festivais da península

O seu director, Ángel Montero, bolseiro do Consello da Cultura Galega, foi seleccionado polo seu proxecto documental en varios certames de cinema.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Eu máis”, un proxecto documental que Ángel Montero fixo como resultado da bolsa de creación convocada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Casa de Velázquez, acaba de ser seleccionado en varios certames como o festival Zinebi de Bilbao, o festival L'Alternativa de Cataluña e o DocLisboa.

Fotograma do documental 'Eu Máis'
Fotograma do documental 'Eu Máis' | Fonte: remitida

O proxecto ten un marcado carácter poético que lle serve a Montero para explorar sobre a identidade a través do corpo e das sensacións. “É unha viaxe ao primitivo, unha pregunta aos animais, un intento de atravesar o medo e fundirme con todo para amosar aquilo que non podo dicir”. Con estas palabras define Ángel Montero a esencia de “Eu máis”, un traballo audiovisual moi lírico no que subxace de fondo unha homenaxe á súa avoa, a persoa que o coidou e que finou durante o tempo que estivo desenvolvendo a bolsa de creación.

Montero obtivo en 2019 a bolsa convocada polo Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, que consiste nunha estadía de tres meses na residencia da Casa de Velázquez en Madrid para a realización dun proxecto de creación. Dese proceso saíron dous produtos. Un deles é “Ce qui me regarde (O que me incumbe)”, unha instalación que formou parte da mostra “Casa&Co”, que exhibiu os traballos resultantes de todas as estadías realizadas na Casa de Velázquez en 2019. O outro é “Eu máis”, o traballo documental que inicia agora o seu percorrido en festivais.

O primeiro deles é o festival Zinebi de Bilbao, que comeza o día 13 de novembro e onde o proxecto de Montero participa na sección oficial. Tres días máis tarde arrinca o festival L'Alternativa de Barcelona, no que o documental compite na Sección Oficial Nacional. Ademais, está seleccionado, no marco do programa “De Onde Venho, Para Onde Vou” do festival Doclisboa, que se celebrará na capital portuguesa nunha edición especial que se estenderá entre novembro de 2020 e marzo de 2021. Estes tres festivais realizaranse en versión presencial e en liña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta