Os hostaleiros de Santiago non pagarán polas terrazas en 2021

O alcalde descarta eximilos da taxa de lixo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/11/2020 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Santiago aprobou este luns por unanimidade que os hostaleiros non teñan que pagar a taxa de ocupación da vía pública pola instalación das terrazas en todo 2021. Con todo, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, descartou que estean exentos do pago da parte fixa do tributo do lixo aínda que permanezan pechados, tal e como están desde o pasado sábado e ata o próximo 4 de decembro.

Pleno telemático do Concello de Santiago.
Pleno telemático do Concello de Santiago.

O rexedor explicou que parte da taxa pola recollida de lixo "non se pode eliminar porque é fixa", aínda que se avaliará no que respecta á variable.

"A parte fixa atribúe o dereito a esa recollida. O Concello e, por tanto, todos os cidadáns de Santiago temos que pagar o que se deixa de cobrar", abordou a continuación, posto que se se exime aos empresarios deste pago teríano que abonar "outro", neste caso "solidariamente todos os cidadáns".

"O recibo do lixo non baixa como consecuencia de que un establecemento ou outro, ou mil, estean pechados. O recibo de lixo teno que pagar o Concello á empresa que presta o servizo e hai unhas cantidades fixas que hai que pagar igual", xustificou.

O gasto que non terán que afrontar os hostaleiros de Santiago o próximo ano será a taxa de terrazas, despois de que un pleno extraordinario deste luns aprobase por unanimidade --co 'si' de PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG-- unha modificación das ordenanzas fiscais do próximo ano.

Durante a sesión, a concelleira de Facenda, Marta Abal, explicou que esta iniciativa busca atender as demandas da hostalaría e do turismo, "dúas das principais actividades económicas máis afectadas polos efectos desta crise". De feito, calculou que os locais hostaleiros representan o 11,6 por cento da actividade económica da capital galega.

Tras este pleno, o alcalde reivindicou a aprobación da suspensión desta taxa para 2021 e, aínda que recoñeceu que "hai quen a preferiu antes", apostilou que "as ordenanzas fiscais entran en vigor por anualidades".

Deste xeito xustificou que este tributo non se retirase por completo este ano, xa que a crise sanitaria do coronavirus comezou "en marzo". No entanto, Bugallo destacou que "si se aplicaron medidas de suspensión temporal" do pago durante o confinamento domiciliario da primavera, á vez que avanzou que o Concello "tentará facer o mesmo" con respecto ao peche que terán que afrontar durante este mes de novembro.

Na mesma liña, o rexedor avanzou que a próxima semana prevese celebrar un pleno extraordinario no que, a proposta do goberno local, votarase o lanzamento dunha liña de axudas directas aos sectores máis prexudicados pola pandemia, "e especificamente á hostalaría".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta