A xuíza impide aos Franco retirar calquera ben do Pazo de Meirás e ordena un inventario

O Goberno central di non ten constancia de que existan bens do Estado "amasados" por Franco que sigan en mans da súa familia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/11/2020 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña prohibe á familia Franco retirar calquera ben do Pazo de Meirás e ordenou realizar un inventario, que comezará o vindeiro mércores.

Fachada do Pazo de Meirás
Fachada do Pazo de Meirás | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Segundo informou o TSXG, a xuíza estimou a petición de medida cautelar efectuada este mesmo luns polo Estado e acordou a realización dun inventario que abarque a totalidade dos bens existentes, tanto no interior como no exterior do inmoble tamén coñecido como Torres de Meirás.

Mentres que o inventario non estea finalizado e a xuíza o autorice expresamente, a familia Franco non pode trasladar ou retirar ningún tipo de ben da leira.

O inventario, que se elaborará coa colaboración dos técnicos da Consellería de Cultura da Xunta, comezará a realizarse este 11 de novembro, ás 10,30 horas, baixo supervisión da comitiva xudicial.

Coa decisión adoptada, a maxistrada estima a petición do Estado co fin de "preservar a integridade" do inmoble antes de que o próximo 10 de decembro se execute provisionalmente a sentenza que declara que é público e a familia Franco proceda á súa entrega de forma voluntaria.

Ata que o documento non estea finalizado e a xuíza o autorice expresamente, a familia Franco "non poderá trasladar e/ou retirar ningún tipo de ben do recinto".

Para garantir o cumprimento da resolución, o xulgado requiriu á Garda Civil que estableza un dispositivo de vixilancia no inmoble. O mesmo xa se dispuxo hai uns días tras facer público os Franco a súa intención de trasladar bens do pazo, segundo confirmaron desde a Delegación do Goberno.

A maxistrada lembra que o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2008, polo que "goza dunha protección integral", que, tal e como advirte o Estado, "esténdese a todos os seus elementos e compoñentes".

Ademais, entende que é "patente" a urxencia de adoptar a medida cautelar, solicitada polo Estado tras facerse público que a familia Franco contratou unha empresa de mudanzas para retirar de maneira inminente os bens do pazo.

Tamén subliña no auto que o xulgado debe "velar pola integridade do ben e a efectividade práctica da sentenza, no caso de que a execución provisional chegue a converterse en definitiva".

O Estado asegurou que a "inmediata" realización dun inventario é "necesaria" debido á "celeridade con que os demandados pretenden proceder ao baleirado do pazo de Meirás" e ao "risco" de que un edificio "coas súas especiais características e nivel de protección, sexa baleirado sen ningún tipo de constancia dos bens que se atopan no seu interior".

Por outra banda, xustifica a solicitude da medida para garantir que o seu dereito á propiedade do inmoble e de todos os seus elementos ou pertenzas "non se vexa comprometido de cara a unha eventual execución definitiva" da sentenza.

O xulgado tamén aceptou a solicitude da Xunta de personarse no incidente aberto por mor da petición de medida cautelar.

O Goberno galego asegura que se ve "na obriga de instar as medidas necesarias para a adecuada protección do Ben de Interese Cultural, coa finalidade de impedir, ata ese día, calquera actuación dos executados que supoña un risco para a conservación e mantemento do ben na súa integridade".

GOBERNO CENTRAL

Pola súa banda, o Goberno central di "non ten constancia" nestes momentos de que existan bens ou dereitos de titularidade estatal que obren en poder da familia de Francisco Franco polos que deban realizarse actuacións, aínda que en caso de identificarse, exercerá as "facultades e prerrogativas" para defender o patrimonio do Estado.

Así consta nunha resposta parlamentaria do Executivo ante a pregunta do senador de Izquierda Confederal Carles Mulet, que preguntaba ao Goberno se tras devolverse a titularidade do Pazo de Meirás ao Estado, o Goberno vai emprender outras accións para "tentar recuperar o máximo posible do amasado" por Franco e que puidese ser de titularidade do Estado e non da súa familia.

No entanto, o Goberno engade que con carácter xeral, as administracións públicas exercerán as potestades administrativas e accións xudiciais que sexan procedentes para "protexer e defender o seu patrimonio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta