A Garda Civil custodia o Pazo de Meirás para impedir que os Franco trasladen os bens

Están á espera de que se leve a cabo o. inventario do patrimonio este mesmo mércores.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 10/11/2020 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Unha patrulla da Garda Civil custodia o patrimonio do Pazo de Meirás, supervisando as entradas e saídas ao inmoble, á espera de que leve a cabo o inventario ordenado polo Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña, tras a petición exposta a este respecto pola Avogacía do Estado.

Para garantir o cumprimento da resolución, o Xulgado requiriu este luns á Garda Civil que establecese un dispositivo de vixilancia no inmoble. Este xa se dispuxo hai uns días, segundo informou antes de coñecerse a decisión xudicial a Delegación do Goberno, tras facer público os Franco a súa intención de trasladar bens do pazo.

A xuíza acordou, a instancias do Estado este luns, a realización dun inventario dos bens existentes, tanto no interior como no exterior do inmoble tamén coñecido como Torres de Meirás. Mentres que non estea finalizado e a xuíza non o autorice expresamente, a familia Franco non pode trasladar ou retirar ningún tipo de ben da leira.

O inventario, que se elaborará coa colaboración dos técnicos da Consellería de Cultura da Xunta, comezará a realizarse este mércores, día 11, ás 10,30 horas, baixo supervisión da comitiva xudicial.

O BNG PIDE AO GOBERNO MEDIOS

Por outra banda, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou ao Goberno a destinar "os medios humanos e materiais necesarios para vixiar o cumprimento da medida cautelar imposta polo xulgado". Faino de cara a asegurar "que non se subtraen bens do interior do Pazo de Meirás antes da realización do inventario que catalogue os bens que contén".

"E evitar que a familia Franco retire sen control obxectos que eles consideran da súa propiedade, pero que pertencen ao pobo galego", cita aludindo ao feito de que en Meirás estea parte da biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán ou as estatutas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria.

Un coche da Garda Civil custodia o Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press
Un coche da Garda Civil custodia o Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

EXPEDIENTE BIC BIBLIOTECA PARDO BAZÁN

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou este martes que o Goberno galego conta con ter incoado a principios da próxima semana o expediente para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Biblioteca Emilia Pardo Bazán.

Desta maneira, destacou a preguntas dos medios, xa a partir destas datas calquera tipo de modificación e traslado dos volumes e obras que contén este ben terá "que ser autorizado pola Xunta", o que lle permitirá ofrecer unha protección desde a administración pública aos exemplares que aínda se atopan no Pazo de Meirás.

Esta medida rexístrase nun momento no que se está actuando desde diferentes instancias para preservar a totalidade dos bens que se atopan nas instalacións do Pazo, antes de que o próximo 10 de decembro se execute provisionalmente a sentenza que declara que é público e a familia Franco proceda á súa entrega de forma voluntaria.

De feito, a maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número uno da Coruña prohibiu aos herdeiros do ditador retirar calquera ben de Meirás e ordenou un inventario dos mesmos, que comezará o mércores. Para garantir o cumprimento da resolución, a Garda Civil estableceu un dispositivo de vixilancia no inmoble, o mesmo que xa se dispuxo hai uns días tras facer público o Franco a súa intención de trasladar bens do Pazo

O conselleiro de Cultura lembrou que este luns se adoptou a decisión tras unha reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, que solicitaba iniciar de maneira urxente o procedemento para declarar BIC a biblioteca Pardo Bazán.

Este ben inclúe os máis de 7.000 fondos que xa custodia a institución académica ademais de preto de 3.000 situados no Pazo de Meirás. A biblioteca atópase fragmentada desde os anos 70, tras un incendio que obrigou a trasladar parte deles á cidade da Coruña, onde permaneceron na propia casa de Pardo Bazán (actualmente sede da Academia galega).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta