Arrinca a tramitación da lei de pesca fluvial, que cambiará a regulación despois de case 30 anos

A Xunta di que será o "terceiro alicerce" para protexer o patrimonio natural pero a oposición vea "innecesaria" e denuncia "desprotección".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/11/2020 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A futura Lei de Pesca Continental de Galicia, que cambiará a regulación da pesca fluvial despois de 30 anos e inclúe novidades como a creación das escolas de río, iniciou este martes a súa tramitación parlamentaria co rexeitamento das emendas á devolución presentadas por BNG e PSdeG.

Pesca fluvial
Pesca fluvial | Fonte: Xunta.

No debate da totalidade durante o pleno da Cámara, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, destacou que este instrumento está chamado a ser o terceiro alicerce do marco normativo para velar pola protección e conservación do patrimonio natural de Galicia.

Así mesmo, asegurou que o actual texto substituirá á actual norma (Lei 7/1992) con case 30 anos de vixencia e pon o foco na necesidade de achegar aos máis novos a esta modalidade deportiva, para avanzar na substitución xeracional.

En cambio, tanto os nacionalistas como os socialistas presentaron senllas emendas de devolución ao considerar que o texto é "innecesario", que "desprotexe" os ríos e "empeora" a actual lexislación, unhas iniciativas que foron rexeitadas polo grupo maioritario.

IMPORTANCIA DA PESCA

Na súa intervención, Vázquez, que subliñou a importancia desta práctica en Galicia --con 150.000 permisos ao ano e 160 xornadas hábiles--, asegurou que o texto nace cunha vocación de consenso, pola que a Xunta consultou a 47 organismos.

Neste sentido, co fin de fomentar a participación das xeracións máis novas, sinalou que a nova lei prevé a creación das escolas de río, coas que se pretende implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais.

"É unha medida que está conseguindo éxitos noutras comunidades autónomas como Castela e León", sinalou a conselleira, que precisou que as actividades formativas e de educación nesta materia permitirán mellorar o coñecemento por parte da sociedade dos aspectos ambientais, sociais e económicos ligados á pesca; así como pola conservación e o mantemento dos recursos fluviais para facilitar unhas óptimas condicións para a pesca.

Outra medida para afianzar a substitución xeracional que se prevé no texto normativo, segundo indicou, é que os mozos de ata 14 anos poderán practicar a pesca sen expedir a correspondente licenza. Ademais, todos os menores de idade quedarán exentos do pago das correspondentes taxas de obtención de licenza, gozando así mesmo da gratuidade nos permisos para a práctica da pesca sustentable.

Vázquez sinalou que a través desta lei tamén se quere dar unha protección especial ás técnicas tradicionais de pesca, xa que son representativas da cultura e da forma de vida tradicional galega.

APROVEITAMENTO TURÍSTICO

Ademais, a conselleira sinalou que inclúe a concesión de aproveitamentos piscícolas para empresas turísticas, así como permisos específicos para estas entidades. Todo iso nunha intervención na que destacou que as pesqueiras do río Ulla, as estacadas do río Tea para a pesca de lamprea ou os 'caneiros' de Portomarín, son técnicas que non deben perderse e que tamén representan un reclamo para potenciar o turismo sustentable.

Por todo iso, subliñou que o obxectivo do Goberno galego é que a pesca siga sendo unha actividade respectuosa co medio ambiente, para que os ríos galegos sigan sendo fonte de vida e unha bandeira a nivel natural, medio ambiental e paisaxístico.

A OPOSICIÓN ESIXE A RETIRADA DO TEXTO

En fronte, os dous grupos da oposición presentaron senllas emendas de devolución do texto que non saíron adiante ao ser rexeitadas polo PPdeG. Así, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini', instou a Xunta a retirar o texto e presentar un novo que de prioridade á conservación e ao aproveitamento dos ríos.

Para o deputado, o proxecto de lei defendido pola titular de Medio Ambiente representa unha "amnistía encuberta" para os titulares dos aproveitamentos hidráulicos que "levan anos causando graves danos nos ríos galegos" e "facendo caso omiso á obrigatoriedade de establecer dispositivos de remonte que permitan as migracións dos peixes".

O nacionalista afirmou que o texto do PP é "unha temeridade" e parte dun "erro" ao considerar que as augas continentais galegas e os seus ecosistemas gozan de boa saúde. Isto, dixo, "é unha falsidade". "Os ríos convertéronse en correntes polas que viaxan ao mar os detritus e contaminacións máis variadas e temos un gran número de exemplos que confirman o mal funcionamento de depuradoras, lixiviados de vertedoiros de todo tipo, augas minerais sen control e lodos vertidos ás augas impunemente", denunciou.

TEXTO "INNECESARIO"

Pola súa banda, o deputado socialista Pablo Arangüena enmarcou na "necesidade compulsiva" da Xunta de "facer que fai" o feito de levar á Cámara un texto cunha calidade lexislativa que, na súa opinión, "tende á baixa" e que considerou "innecesario".

"O problema non é a lei de 1992, senón a omisión constante da Xunta das súas competencias, como sancionar e impedir as agresións aos ríos", manifestou o socialista, que lamentou o "descoñecemento" dos integrantes do Goberno galego da pesca fluvial.

Así, cualificou de "inaudito" que unha lei feita en 2020 "supoña un auténtico retroceso na protección" dos ríos. "Empeora significativamente unha lei feita hai máis de 20 anos, cando o dereito ambiental aínda estaba en cueiros", afirmou.

APOIO DO PP

Con todo, a deputada popular Marisol Díaz afirmou que esta nova lei dotará a Galicia dun "instrumento que garanta a conciliación da práctica deportiva e recreativa da pesca coa conservación da natureza e o respecto á biodiversidade, plenamente conscientes de que a posta en valor da contorna natural é unha premisa básica para a súa protección".

A parlamentaria do PPdeG sinalou que "transcorridos 30 anos desde a aprobación da actual Lei de Pesca, é necesario un novo texto para facer fronte ao cambio climático, ás secas, á contaminación, ao furtivismo, ás especies exóticas ou á propia evolución da actividade da pesca, que deixou de ser fonte de alimentación para converterse nunha actividade recreativa e deportiva".

Ademais, negou que sexa "máis laxa" na regulación das concesións e autorizacións hidráulicas e a súa obriga para conservar de forma sustentable os ecosistemas, ao soster que "se cumpre a doutrina do Tribunal Constitucional". En concreto, indicou que o texto "obedece ao indicado pola Asesoría Xurídica Xeral en 2019 na necesidade de clarificar que a obriga de instalación de dispositivos de remonte só pode ser esixible respecto das autorizacións ou concesións que se otorgen con posterioridade á entrada en vigor da lei".

"Iniciamos hoxe o trámite parlamentario, estou segura de que haberá debate pero tamén de que haberá entendemento e acordos", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta