O PPdeG presenta máis de 20 emendas á lei de ordenación territorial da Xunta

As emendas de devolución foron rexeitadas, co que a normativa entrou a trámite e será o momento de negociación dos grupos parlamentarios, que xa rexistraron as súas emendas parciais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2020 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario do PPdeG presentou 26 emendas á Lei de ordenación territorial que este martes defendeu a conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ángeles  Vázquez, e que iniciou a súa tramitación na Cámara autonómica, por segunda vez --a anterior foi xusto antes da disolución do hemiciclo pola celebración de eleccións-- tras salvar as emendas de devolución presentadas pola oposición.

A conselleira volveu a expor aos grupos un texto que vén substituír un texto de hai 25 anos e que, segundo as súas palabras, vai garantir " a cohesión social e mellorar a calidade de vida dos galegos, completando así o camiño que iniciou en 2016 a lei do chan" e, despois, o seu regulamento para dotar a Galicia dunha normativa urbanística "máis simple, áxil e eficaz".

Un dos grandes obxectivos desta normativa, dixo Ángeles Vázquez, é lograr que todos os concellos conten cun plan xeral, facilitar o desenvolvemento ordenado no medio natural e garantir a protección da paisaxe, unha preocupación esta última que cuestionou o deputado socialista Luís Álvarez, ao constatar que o goberno de Feijóo tardou "doce anos" en aprobar un decreto con este fin.

Xunto a el, a deputada do BNG tamén pediu a devolución do texto ao Goberno autonómico. Coincidiron os dous parlamentarios da oposición en que o texto é "innecesario" e "non queda motivada suficientemente" a súa presentación.

En palabras da parlamentaria nacionalista, o Executivo autonómico revela unha "miopía contrarreformista", á vez que advirte de que se se tratase de realizar unha simplificación e axilización de trámites, bastaría con dotar de "máis recursos" aos servizos que teñen que levalos a cabo.

Pola súa banda, o deputado do PPdeG Martín Fernández Prados apelou a cando el mesmo formaba parte co actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, da consellería de Política Territorial no último goberno de Fraga. E tras censurar que no goberno bipartito "só aprobouse un plan de vivenda" que suscitou a "unamimidade" pero "en contra" de toda Galicia, sinalou que "tivo que chegar Feijóo para no ano 2011" aprobar "as primeiras directrices de ordenación do territorio".

As emendas de devolución foron rexeitadas, co que a normativa entrou a trámite e será o momento de negociación dos grupos parlamentarios, que xa rexistraron as súas emendas parciais.

O propio grupo maioritario, que sostén ao Goberno, incluíu 26 emendas, que modifican e axustan a lei enviada tras o seu paso polo Consello da Xunta.

Unha das cuestións que incluíu os populares e que, por tanto, serán incluídas no texto final (salvo matices que poida achegar a oposición), é relativa á incidencia da lei en canto ás directrices de ordenación do territorio.

Así, o Executivo terá que aprobar o documento que conteña a nova clasificación (recollida nesta nova lei) e estudará "a incidencia" da normativa sobre elas, co fin de "propor as modificacións ou conclusións oportunas", un documento que terá que ser elevado ao Parlamento para o seu "coñecemento e valoración".

CREACIÓN DO CONSELLO DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO

As emendas dos populares tamén inclúen novidades como a creación dun Consello de Ordenación do Territorio de Galicia, que será o órgano colexiado de tipo representativo e consultivo disposto para a coordinación dos intereses territoriais, públicos e privados que conclúen no territorio da comunidade. Quedará adscrito, "sen dependencia xerárquica", á consellería en materia de territorio.

A súa composición, di este novo artigo a proposta dos populares (sería o número 25 bis), "asegurará unha presenza institucional que permita a coordinación dos distintos departamentos da administración da comunidade co resto de administracións públicas" con competencias sobre o territorio e contará con representantes das organizacións máis representativas das entidades locais, empresariais e sindicais, entre outras.

Este órgano terá as seguintes funcións, segundo esta emenda: emitir informe sobre os instrumentos de ordenación territorial elaborados pola Comunidade Autónoma, así como sobre todos os anteproxectos da administración autonómica que incidan na ordenación do territorio; emitir informe territorial sobre plans, programas e proxectos con incidencia territorial; evacuar consultas que lle sexan requiridas polo Parlamento ou a responsable da consellería; promover a realización de investigación e reunións científicas, estudos e actuacións de divulgación en materia de ordenación do territorio; e informar á Comisión Superior de Urbanismo naquelas cuestións que, pola súa dimensión ou importancia, requírano a solicitude do seu presidente".

Votación das emendas de devolución da lei de ordenación territorial, que empeza a súa tramitación parlamentaria
Votación das emendas de devolución da lei de ordenación territorial, que empeza a súa tramitación parlamentaria | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta