O Grove denuncia incumprimentos do protocolo covid por parte do Sergas na xestión de casos en centros educativos

O Concello tamén denuncia contradicións detectadas na xestión.

Por Europa Press / Redacción | O Grove | 10/11/2020 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O Concello do Grove denuncia que tanto o Sergas como os seus rastreadores están a incumprir os protocolos na xestión dos casos de COVID-19 que se deron nos centros educativos do concello.

Estudante galega con apuntamentos e estoxo nunha aula de Galicia
Estudante galega con apuntamentos e estoxo nunha aula de Galicia | Fonte: Xunta.

O protocolo sanitario indica que no momento no que se detecte un caso positivo nun alumno deberá realizárselle unha PCR ao resto da clase (ou polo menos aos contactos estreitos) nos primeiros días e outra no décimo día. Se ambas as dúas son negativas, xa podería reincorporarse e non ter que cumprir os 14 días de corentena.

No entanto, segundo o concelleiro de Sanidade do Grove, Javier Caneda, este protocolo está a ser incumprido de forma flagrante nos casos que se detectaron en tres dos centros educativos cos que conta o municipio, o IES Monte da Vila e nos CEIPs Rosalía de Castro e Conmeniño.

Javier Caneda lembra que cando as direccións dos centros trasladaron ao Sergas a existencia de casos positivos entre os seus alumnos, comunicóuselles que os contactos estreitos deberían permanecer en confinamento e, por tanto, non asistir ás clases durante 14 días.

"Este feito contradí o protocolo, xa que o confinamento só debería producirse, de maneira excepcional, se o estudante non fose sometido a unha PCR".

O concello do Grove tamén denuncia as contradicións detectadas na xestión dos casos de covid-19 detectados entre o alumnado.

Javier Caneda revela o caso de tres alumnos confinados o 29 de outubro debido a un contacto estreito cun positivo detectado o 26 de outubro, a quen a súa primeira PCR non lle foi realizada ata o 5 de novembro, 10 días despois do contacto e contravindo deste xeito a recomendación estipulada no protocolo que establece que a PCR debe ser realizada nos primeiros días tras o contacto.

O concelleiro de Sanidade relata ademais que estes tres alumnos recibiron a posteriori tres chamadas de tres persoas diferentes.

Ao primeiro indicóuselle que a proba dera resultado negativo e que, por tanto, podía finalizar o seu illamento. A outro se lle comunicou que o seu illamento tamén finalizaba, a pesar de non contar cos resultados da proba. E ao terceiro díxoselle que a pesar de que a proba fora negativa, debía manterse en illamento mentres non se lle fixese unha segunda PCR.

Os outros oito alumnos e alumnas confinados por ser contactos estreitos dese mesmo alumno contaxiado non recibiron ningún tipo de mensaxe para informarlles sobre os resultados das súas probas.

RISCO E INCERTEZA

Para o edil Javier Caneda, médico de profesión, "todo isto supón un verdadeiro risco e engade incerteza á xa complexa situación dos centros educativos, ademais da que xera nos pais e nais dos alumnos".

É por iso que desde o Concello do Grove reclámase que a Consellería de Sanidade que "asuma a súa responsabilidade" e que "cumpra os protocolos e normas" que os seus propios servizos de epidemioloxía e prevención marca, "pondo fin a esta situación de descontrol e evitando realmente a propagación do virus, algo que, como queda demostrado, só se consegue cun rastrexo eficaz".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta