PPdeG, PSdeG e BNG acordan pedir a Xunta e Goberno central máis estabilidade laboral na sanidade

Os tres grupos con representación na Cámara acordaron este martes pedir á Xunta e ao Goberno central unha serie de medidas encamiñadas a lograr unha maior estabilidade laboral no sistema sanitario Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/11/2020 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

Os tres grupos con representación na Cámara acordaron este martes pedir á Xunta e ao Goberno central unha serie de medidas encamiñadas a lograr unha maior estabilidade laboral no sistema sanitario Galicia.

Profesionais sanitarios traballan nun hospital
Profesionais sanitarios traballan nun hospital | Fonte: UVigo.

Entre os asuntos aprobados por mor dunha iniciativa defendida polo portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, está a posta en marcha de accións que permitan a eliminación da taxa de reposición por parte do Estado e comprometer un programa de contratación para o Sergas que recupere, nun prazo de tres anos, todas as vacantes que non puideron ser convocadas por esa limitación.

Así mesmo, insta á Xunta a convocar todas as prazas MIR habilitadas en especialidades deficitarias, para o que se empraza ao Ministerio de Sanidade a axilizar a acreditación das unidades docentes.

Ademais, entre outras cuestións, empraza á Administración autonómica a ampliar o tempo medio de contratación do persoal eventual ata o máximo posible, a realizar un informe sobre as necesidades de contratación, así como a estudar coa Facultade de Medicina da USC a posible necesidade de formar a máis estudantes nos próximos anos.

O SERGAS, A "PEOR ETT"

Na defensa da iniciativa, Torrado asegurou que o Sergas se converteu na "peor ETT de Galicia", ao situar a temporalidade nun "30 por cento", cifra que se eleva ao "40% no caso da enfermaría".

Na súa intervención, o parlamentario sostivo que o Sergas conta na actualidade con 1.162 profesionais contratados menos dos que tiña en 2009, "evidenciando un problema grave de déficit e precariedade laboral". "A situación", dixo, "leva a que a inspección laboral notificase ata en catro ocasiones cotizacións irregulares na EOXI de Ourense, algunha delas precisamente baixo a dirección do actual conselleiro", afirmou.

O deputado socialista asegurou que as "elevadas taxas de eventualidade na sanidade pública" responden a un problema de "vontade política" e denunciou que a política da Xunta obriga aos profesionais a "cambiar día a día de servizos", con contratos temporais que impiden que os traballadores saiban onde e por canto tempo serán contratados.

CRÍTICAS AO ESTADO

Na sesión, a deputada popular Encarna Amigo, que presentou unha emenda na que se pedía engadir demandar ao Ministerio de Sanidade que proceda a axilizar a acreditación das unidades docente para o MIR, criticou que o proxecto de orzamentos do Estado para 2021 "manteña a taxa de reposición para o persoal sanitario a pesar das "numerosas solicitudes realizadas" para que a elimine.

"Estamos a favor de apoiar todas as iniciativas e accións institucionais que faciliten a posta en marcha da medida de eliminación da taxa de reposición", manifestou para lembrar que "hai moitos anos que o Goberno galego e o PPdeG solicitan esta medida".

"Imos votar a PROL de todo e esperamos que vostede se atreva a porlle algunha tarefa ao seu goberno", trasladoulle a deputada do PP ao socialista Xullo Torrado.

APOIO DO BNG

Pola súa banda, o BNG tamén apoiou esta iniciativa nunha sesión na que o seu portavoz de Sanidade, Montse Prado, vinculou a eventualidade e a precarización laboral na sanidade á privatización dos servizos públicos.

"A crise foi unha escusa perfecta para converter servizos públicos esenciais, como a sanidade, en nichos de negocio para o sector privado", afirmou a nacionalista, que subliña que os profesionais "necesitan unhas condicións decentes".

Por iso, sostivo que o BNG apoia todas as iniciativas que faciliten que se elimine a taxa de reposición, "prometida por todo o mundo e non efectivizada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta