As florarías da área de Ferrol apuntan grandes perdas polo peche perimitral "sen previo aviso"

Os profesionais aseguran que "os prexuízos" causados como consecuencia do peche perimetral "son xa inevitables", polo que agardan que "non se volvan a repetir".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

As florarías de Ferrol, Narón, Fene e Neda, municipios todos eles nos que se decretou un peche perimetral o pasado 30 de outubro, protagonizaron este mércores unha concentación na cidade naval para denunciar os "prexuízos e perdas" que ocasionou para o sector un peche decretado "con tan só unhas horas de diferenza entre que se anunciou e entrou en vigor".

Na protesta participaron unha ducia de establecementos, que tamén rexistraron un escrito no Concello de Ferrol, cuxo primeiro edil, Ángel Mato, reuniuse nas escaleiras de acceso ao palacio municipal cos manifestantes.

No devandito documento, os profesionais aseguran que "os prexuízos" causados como consecuencia do peche perimetral "son xa inevitables", polo que agardan que "non se volvan a repetir" e se diten medidas para "tratar de palialos", xa que as perdas "están a pór en risco" a supervivencia destes negocios.

AO LÍMITE

Deste xeito, aseguran que a situación xerada, acumulada a unha baixada significativa de encargos pola cancelación de multitude de eventos sociais e familiares durante todo o ano, levou "ata o límite" tanto aos negocios como aos seus titulares.

Por iso, reclaman "mecanismos" que permitan "salvar da ruína" os establecementos. "Estamos abertos a todo tipo de instrumentos que nos axuden a paliar os danos", inciden no comunicado, no que expoñen axudas económicas que cubran as perdas "na súa totalidade ou en parte", ademais de "bonificacións fiscais" e a inclusión do colectivo nos plans de subvencións "que se están xestando".

Ramos de flores na Praza de Armas de Ferrol
Ramos de flores na Praza de Armas de Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta