Xunta e sindicatos piden a mediación do Goberno para aclarar o futuro de Siemens Gamesa

"As expectativas da planta das Somozas non son boas", sinala o conselleiro de Economía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, e os responsables de industria de UGT e CC.OO. acordaron pedir "o máis urxente posible" unha reunión cos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica para abordar o futuro da planta que a multinacional Siemens Gamesa ten no polígono industrial das Somozas, dedicada á fabricación de pas para aeroxerador.

A través dun comunicado, o comité de empresa da planta de Ferrolterra deu conta do encontro mantido este martes en San Caetano, en Santiago, ao que tamén acudiu o alcalde das Somozas, Juan Alonso (PP).

O comité sinala que Conde lles trasladou que "mantén unha comunicación fluída con Siemens Gamesa" e que lle transmite o mesmo que aos traballadores, co "agravante de que os pedidos que podían asegurar algo de carga de traballo non se están concretando, polo que as expectativas da planta das Somozas non son boas".

REDUCIÓN DE PRODUCIÓN

O presidente do comité de empresa, Sergio López (UGT), advertiu nos últimos meses que a actual carga de traballo finalizaría o 20 de decembro, aínda que a semana pasada a dirección decidiu modificar a previsión de produción, ao pasar do sete pas semanais a catro.

Ao mesmo tempo, comunicou que se prescindiría de 52 operarios, 32 de empresas de traballo temporal (ETT) e os 20 restantes da empresa aos que non se lles renovará o contrato a data de finalización.

Protesta de traballadores de Siemens Gamesa
Protesta de traballadores de Siemens Gamesa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta