"Un paso máis": bota a andar o traballo para recuperar as estatuas do Mestre Mateo

O grupo de especialistas analizará toda a nova documentación achada sobre Abraham e Isaac.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O grupo de expertos impulsado pola Xunta e o Concello de Santiago para abordar a estratexia e posibilidades para tentar recuperar a titularidade pública das estatuas do Mestre Mateo arrincou este mércores os traballos, nos que se analizará toda a nova documentación achada sobre as pezas.

O profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Emilio Grandío Seoane preside esta comisión, que se constituíu oficialmente este mércores coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

En declaracións a Europa Press, o propio Grandío explicou que esta reunión se tratou de "unha primeira toma de contacto" na que se abordaron "cuestións preliminares". "O traballo empeza agora", engadiu, despois de intercambiar primeiras impresións e liñas de traballo para empezar a analizar toda a documentación dispoñible sobre Abraham e Isaac.

Estas pezas forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela e declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta en 2019. A anterior corporación municipal impulsou unha vía xudicial para tentar recuperar as esculturas, que se atopan en mans da familia Franco, aínda que se atopou con diferentes impedimentos legais, resolucións non favorables e actualmente está pendente do amparo do Tribunal Supremo.

A orixe destes problemas radica na desaparición dos expedientes que terían que constar no arquivo municipal do concello, máis aló dunha acta plenaria na que se acorda a adquisición das pezas.

A pesar diso e con posterioridade ao arranque dese proceso xudicial, descubríronse unha serie de probas e documentos que acreditan a historia destas estatuas, entre eles, un escrito de compravenda no arquivo da universidade, multitude de correspondencia e documentos que mostran que as esculturas en posesión dos Franco son as adquiridas pola administración municipal.

"REPETIR" OS ÉXITOS

En declaracións aos medios antes de participar na reunión do comité de expertos, o titular de Cultura, Román Rodríguez, confiou en que esta comisión de expertos permita "repetir" os éxitos logrados coa "loita xurídica" para recuperar o Pazo de Meirás, a través do "traballo serio, rigoroso, con criterios xurídicos, e prudente e sensato" "E estou seguro que así será", reiterou, para incidir en que este mércores "se dá un paso máis" e "significativo" para devolver estas esculturas ao patrimonio cultural e artístico de Galicia.

Primeira reunión do grupo de traballo sobre as estatuas do Mestre Mateo. XUNTA
Primeira reunión do grupo de traballo sobre as estatuas do Mestre Mateo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Do mesmo xeito, lembrou que este mesmo día e "por mandato xudicial", un grupo de técnicos e expertos visitan o Pazo de Meirás para facer inventario de todos os bens e obras do seu interior para poder analizar o seu valor patrimonial e cultural.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, incidiu en que as estatuas do Mestre Mateo (que precisamente se atopan no Pazo de Meirás) foron "sacadas de forma irregular" da casa consistorial hai máis de 60 anos. "Temos que protexelas para evitar que volvan desaparecer ou poidan sufrir danos", apelou, para así confiar en que toda a documentación recompilada permita "abrir unha posibilidade" para que "a legalidade se respecte" e as pezas subtraídas polo ditador, aproveitándose da súa condición de xefe do Estado, poidan regresar "onde nunca deberon saír".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta