Un estudo no que participa a USC detecta presenza "moi elevada" de éxtase en augas residuais de España e Portugal

A investigadora da Universidade de Santiago, Rosario Rodil, presentou os resultados preliminares da análise de augas residuais para medir o impacto da pandemia da covid-19 no consumo de sustancias de abuso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

A rede española de análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos (ESAR-Net), na que participa a Universidade de Santiago de Compostela (USC), detecta eventos puntuais de presenza "moi elevada" de éxtase nas augas residuais durante a pandemia.

A xornada de difusión de resultados da rede, segundo informa a USC, evidencia que "cocaína e cannabis son as drogas que máis sobresaen en España". A primeira, en concreto, xera un negocio ilícito que oscila entre os 3.000 e os 6.000 millóns de euros.

En conmemoración do seu tres anos de existencia, a rede celebrou unha xornada coa asistencia en liña de 200 persoas de España, Portugal e Latinoamérica.

Nela, a investigadora da USC Rosario Rodil presentou os resultados preliminares da análise de augas residuais para medir o impacto da pandemia da covid-19 no consumo de sustancias de abuso.

Rodil destacou que non houbo "grandes cambios" no consumo, aínda que si se detectaron eventos puntuais de presenza de concentracións "moi elevadas" de MDMA (éxtases) en augas residuais de España e Portugal.

Pola súa banda, Rosa de Chairos, da Universidade Jaume I, profundou na metodoloxía de análise de augas residuais aplicada ao seguimento da pandemia na provincia de Castelló mediante a medida do ARN de fragmentos do virus, onde, segundo destaca a USC, "está a verse claramente como a carga de restos virales vai en aumento na auga residual nesta segunda onda da pandemia".

A estimación de consumo de tabaco e alcol foi outro dos temas abordados por Ester López, do IDAEA-CSIC. "Para ambas as sustancias atopouse, en xeral, unha boa correlación con outros indicadores, aínda que a vantaxe de analizar a auga residual é o que permite discernir cambios a nivel local e cun alto valor complementario", explica a universidade.

Neste ámbito, a rede constatou que o consumo medio de alcol en todo o territorio español ao ano é de 5,7 litros de etanol puro por cada habitante maior de 15 anos.

A rede tamén abordou o consumo de tabaco, extrapolando un consumo medio diario de 2,2 miligramos de nicotina, o que equivalería a 2,8 cigarros por persoa e día.

Rede de estudo de augas residuais. USC
Rede de estudo de augas residuais. USC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta