Temas: VERIN EDUCACIóN

Concienciación innovadora sobre a hixiene fronte á COVID-19

Trátase dunha acción cofinanciada polo Concello de Verín e dirixida ao alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional dos centros públicos, concertados ou privados do municipio que se queiran acoller.

Por X.M. Fernández | Verín | 13/11/2020 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Con metodoloxías pedagóxicas innovadoras, esta acción tratará de reforzar a conciencia da importancia da hixiene persoal na prevención fronte á transmisión de enfermidades infecto-contaxiosas, como a COVID-19. A través da participación en diversos experimentos, o alumnado formaranse no coñecemento do mundo microscópico e no funcionamento do sistema inmunolóxico, e verán en acción ao xabón e a outros desinfectantes de acción viricida. Tamén, servirá para que coñezan as dúas hipóteses máis salientábeis sobre a orixe da COVID-19 ou como se fai un test de anticorpos, a través dun experimento de cromatografía caseira con alcol e rotuladores.

Investigador. Laboratorio. MINISTERIO DE CIENCIA - Arquivo
Investigador. Laboratorio. MINISTERIO DE CIENCIA - Arquivo

A intención final desta formación é que o alumnado tome conciencia sobre a importancia da hixiene persoal (boca, nariz e mans) na transmisión das doenzas infecto-contaxiosas e ao mesmo tempo integre no seu día a día as medidas de protección establecidas polas autoridades sanitarias e civís.

Fátima Fernández, experta en educación en saúde, licenciada en Farmacia, Enxeñeira Técnica Agrícola, Máster en Saúde Internacional de Cooperación e Máster en Profesorado de ESO e Bacharelato, será a persoa responsable de desenvolver a devandita acción nas aulas que se acollan á iniciativa impulsada polo Concello de Verín.

Para a concelleira de Educación e Cultura, Emilia Somoza, “Paréceme que é unha magnífica oportunidade para que unha parte importante da nosa xente moza adquira ou reforce formación en saúde. Espero que a proposta sexa ben acollida e que sirva para que o alumnado de ensino medio da nosa comarca pase a liderar no seu ámbito familiar ou de amizades a prevención á COVID-19 e a outras doenzas contaxiosas.”

Temas: VERIN EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta