A Xunta anuncia a oferta pública de emprego "máis importante da súa historia" con 7.380 prazas

Convocaranse novas prazas para Administración autonómica e para a sanidade. A elas se lle suman as máis de 3.600 prazas para o ensino público cuxas oposicións foron aprazadas ao 2021.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/11/2020 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este xoves que en Galicia están pendentes de convocar 7.380 prazas públicas, case 1.000 na oferta pública de emprego (OPE) sanitaria, en cuxos baremos terán "un plus" quen prestasen servizos no marco da pandemia ou traballado en hospitais comarcais e centros de saúde do rural.

Campaña contra a convocatoria das oposicións a educación
Campaña contra a convocatoria das oposicións a educación | Fonte: FB

As distintas oposicións que suman estas 7.380 prazas, "a maior oferta de emprego público dos últimos 12 anos", xa foran anunciadas e, no caso das 3.654 de educación, a convocatoria formalizouse pero quedou aprazada por mor da pandemia.

Non en balde, Feijóo recoñeceu que a crise sanitaria da covid-19 está a condicionar estes procesos e ratificou que "todo parece indicar" que no que resta de 2020 non se celebrarán este tipo de procesos.

O presidente explicou que está acordado "avisar como mínimo cun mes" de marxe e engadiu que a intención da Xunta é dar tempo aos opositores para que poidan dar un último "repaso" ao temario e que teñan "sorte" no exame.

Feijóo remarcou que a oferta é "histórica" en todos os seus termos e lembrou que, debido á pandemia, xa houbo que trasladar ao ano 2021 a de 2020 de educación.

"En canto á de sanidade, a de 2020 ímola facer nalgunhas categoríasa coa OPE de 2021 e noutras, no caso de que aínda estea sen convocar, coa de 2019. A nosa intención é facer unha operación acordeón e agrupar", indicou.

"Espero que en 2021 podamos dar conta da OPE de educación, sanidade e administración xeral", engadiu.

DETALLE DA OFERTA

As 7.380 prazas anunciadas supoñen un incremento do 43% con respecto á convocatoria de 2019.

Deste xeito, no ámbito da Administración Xeral autonómica, a oferta de emprego público ascende a 2.741 prazas: 2.346 serán de acceso libre e as outras 395 prazas resérvanse para procesos de promoción interna do persoal funcionario da Administración. Delas, 1.215 correspóndense co proceso de estabilización e consolidación do persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar.

No ámbito sanitario ofertaranse 985 prazas: 652 prazas de persoal médico nas áreas de máxima prioridade, sendo a maior oferta de emprego de persoal facultativo desde o ano 2001; 275 prazas de enfermaría, fisioterapia, terapeuta ocupacional e persoal técnico en farmacia; 46 prazas nas categorías de xestión e servizos; e 12 prazas de persoal sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

No relativo ao ensino, en total ofértanse 3.654 prazas: 2.036 de acceso libre e 1.618 de promoción interna.

Ademais, a esta oferta sumaranse outras 3.263 prazas para os novos procesos de funcionarización en favor do persoal laboral fixo da Xunta, que se engaden ás 1.400 ofertadas nos dous últimos anos, das que un milleiro xa están executadas e ás que se presentou "o 95% do persoal laboral fixo que podía facelo", precisou o titular da Xunta.

A continuación, o presidente do Goberno galego destacou que se porá en valor "a aquelas persoas que durante a pandemia foron chamadas nas listas e permaneceron ao longo dese período traballando nos hospitais e nos centros de saúde".

"Todo o persoal sanitario que traballou durante a pandemia terá un plus de servizos prestados", esgrimiu, para engadir que se valorarán, así mesmo, os servizos prestados a aqueles profesionais que traballan en hospitais comarcais ou en centros de saúde afastados das cidades galegas.

"En definitiva, esta é a capacidade máxima legal, xa que se tivésemos a posibilidade de ofertar todas as prazas vacantes no Sergas, se tivésemos autorización do Goberno central, no canto das case 1.000 prazas ás que fixen referencia, serían 3.500", sinalou o presidente.

Neste sentido, manifestou o seu desexo de que na tramitación dos Orzamentos do Estado "se libere polo menos o ámbito sanitario do límite da OPE e se deixe aberta a todas as prazas vacantes". "Polo menos para as comunidades autónomas que cumprimos o déficit público", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta