Pontón pide un "incremento" das partidas destinadas a Galicia para negociar con Podemos e PSOE o PGE

O Bloque aposta por "restablecer" a xubilación ordinaria aos 65 anos e a voluntaria ao cumprirse os 35 anos de cotización á Seguridade Social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2020 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou a "vontade de negociar", por parte dos nacionalistas galegos, os orzamentos xerais do estado co PSOE e Podemos, pero advertiu de que isto pasa por "un incremento" das partidas para Galicia.

"Nun momento en que soben os orzamentos, non poden diminuír as partidas para Galicia. Necesitamos máis que nunca recursos para modernizar a economía e un novo modelo produtivo", expresou Pontón, sobre a postura do BNG, que presentou unha emenda de devolución aos orzamentos, que non saíu adiante, e que os nacionalistas expuxeron como un "toque de atención".

Pontón confirmou este xoves, a preguntas dos xornalistas, que "xa están a traballar" nas emendas parciais para os orzamentos xerais, pero incidiu en que "o voto do BNG vai estar condicionado a que se incrementen" as partidas para Galicia, xa que as actuais son "insuficientes e inaceptables".

PACTO DE TOLEDO

Doutra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, expresou este xoves que a formación considera que as recomendacións emanadas da comisión parlamentaria de seguimento do Pacto de Toledo fundaméntanse nunha "base errada", que é a "validez" das regresivas reformas do sistema público de pensións aprobadas no ano 2012 e 2013.

En fronte, o Bloque aposta por "restablecer" a xubilación ordinaria aos 65 anos e a voluntaria ao cumprirse os 35 anos de cotización á Seguridade Social, reais ou compensados pola aplicación de coeficientes reductores naquelas profesións que os teñan asignados.

A formación nacionalista considera "moi grave" a omisión da modalidade de xubilación parcial e defende a derrogación das actuais discriminacións e dificultades de acceder a ela por unha modalidade de xubilación de múltiples beneficios, posto que permite "un acceso digno á xubilación e ao mesmo tempo serve para crear emprego e incorporar cotizantes novos".

Rego considera un avance a revalorarización das pensións conforme ao IPC, pero advirte de que "non permite recuperar o poder adquisitivo perdido" durante os anos da crise nin garantir unhas pensións "dignas". Así, o BNG aposta por subir a pensión mínima para igualala ao salario mínimo interprofesional para alcanzar, ambos, o 60 por cento do salario medio, progresivamente.

Isto levaría a que o SMI e a pensión media estivesen fixados en 1.142 euros, cando no Estado español actualmente o salario mínimo é de 950 euros.

Entre as propostas presentadas polo BNG, atópase a eliminación dos topes máximos de cotización á Seguridade Social, así como a eliminación das desgravacións fiscais nos plans privados de pensións e impedir a introdución como plans privados da empresa a través da negociación colectiva.

O BNG propón eliminar as "discriminacións ou penalizacións" polas persoas empregadas a tempo parcial. "É necesario buscar un paquete de medidas ante os abusos patronais por infracotización ou falta de cotización", apuntou Rego, que tamén pide coeficientes reductores de idade de xubilación en novas profesións, así como revisar e mellorar as xa existentes.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este mércores
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este mércores

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta