Médicas Precarias denuncia que os facultativos de primaria encadean máis de 50 contratos nos seus primeiros anos

O seu portavoz, por exemplo, tivo entre o verán de 2017 e febreiro de 2019 un total de 67 contratos eventuais, 50 deles de menos dunha semana e a maior parte dun só día.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/11/2020 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O colectivo Médicas Precarias advertiu que os facultativos que inician a súa carreira na atención primaria do Servizo Galego de Saúde poden encadear máis de 50 contratos nos seus primeiros anos de exercicio. Así o denunciou o portavoz desta plataforma, Miguel López del Pueyo, na súa comparecencia durante a sesión vespertina da comisión de reactivación do Parlamento de Galicia celebrada este xoves.

O portavoz do colectivo Médicas Precarias, Miguel López del Pueyo, na súa comparecencia na comisión de reactivación
O portavoz do colectivo Médicas Precarias, Miguel López del Pueyo, na súa comparecencia na comisión de reactivación | Fonte: Parlamento de Galicia.

Alí, puxo o seu caso como exemplo do que, di, son os primeiros dun médico de atención primaria no Servizo Galego de Saúde, marcados polos contratos temporais e a "precariedade".

Así, este facultativo tivo, entre o verán de 2017 e febreiro de 2019, un total de 67 contratos eventuais, 50 deles de menos dunha semana e a maior parte dun só día.

Durante ese tempo, continuou López do Pueyo, pasou por 37 centros de saúde e puntos de atención continuada da área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Na súa comparecencia, ademais de denunciar a "precariedade" do sector, este médico tamén censurou a "ausencia de perspectiva social" na prestación santiaria, así como a "falta de independencia" da xestión da atención primaria e "un crónico financiamento insuficiente" deste servizo sanitario, que definiu como "a casa" do sistema de saúde.

Así as cousas, puxo sobre a mesa a necesidade de que a atención primaria conte cunha xerencia de xestión propia desligada da hospilataria, coa que deben tenderse "vínculos e canles bilaterais" pero deixar ao carón a "subordinación" que, di, se dá na actualidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta