O Concello de Pontevedra retira o nome de Juan Carlos I a unha das súas avenidas nun "exercicio de decencia"

Substituirao polo de Virxinia Pereira Renda, "galeguista e garante do legado político e artístico de Castelao".

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 13/11/2020 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra, gobernado por BNG e PSOE, decidiu retirar do seu rueiro a Juan Carlos I e, así, a avenida que leva o nome do rei emérito pasará a estar dedicada a Virxinia Pereira. Igualmente, seranlle retirados "todas as honras e distincións concedidas" ao monarca.

Mensaxe de Juan Carlos I cando era rey de España.
Mensaxe de Juan Carlos I cando era rey de España.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, informou do inicio do expediente para o cambio de nome do anterior xefe do Estado nesta rúa da cidade. "Á vista das informacións que temos, non é merecedor dela", advertiu.

A edil nacionalista lembrou que as denominacións honoríficas das rúas, prazas, espazos públicos así como todas as dedicacións, distincións ou títulos que unha institución fai "teñen como finalidade expresar o recoñecemento e homenaxe a persoas que se signifiquen pola integridade, exemplaridade, honestidade na súa traxectoria vital, pola defensa dos valores éticos, morais, democráticos, os dereitos e as liberdades públicas".

Tamén se xustifican este tipo de recoñecementos, no caso do Consistorio de Pontevedra, pola contribución da persoa homenaxeada á mellora da cidade.

Fouces subliñou que "a lei do silencio implantada durante décadas ao redor da Casa Real coa conivencia de todos os estamentos do Estado permitiu unha imaxe deturpada, falseada, da monarquía e dos seus representantes" e engadiu que esa imaxe da Coroa "hoxe en día está absolutamente cuestionada" tanto por unha "inmensa parte da sociedade" como polos "medios de comunicación de todo o mundo".

"Por máis que se queira silenciar e blanquear, a realidade é que a revelación da vida pouco edificante do chamado rei emérito é absolutamente inaceptable", afirmou a concelleira de Cultura.

Así as cousas, Carme Fouces rexeitou que asuntos como a polémica polos supostos negocios ocultos de Juan Carlos I e a súa marcha de España sexan un "problema de natureza privada". Ao contrario, sostivo que "é un feito dunha extraordinaria gravidade e dunha gran transcendencia pública e institucional".

Na súa argumentación, a edil pontevedresa sinalou que as revelacións xornalísticas sobre eses supostos negocios ilícitos de Juan Carlos I e o "goteo continuo de informacións vergoñosas" deixan "en evidencia" á institución monárquica, "ao réxime do 78 e á trama de intereses espurios ao redor da Casa Real".

Tamén se referiu, neste extremo, ás investigacións xudiciais en marcha e á "perversa utilización do público para beneficio privado mediante a creación dunha camarilla de servidores, aduladores e beneficiarios".

Igualmente, aludiu á "renuncia expresa en diferido" por parte de Felipe VI á herdanza do seu pai e ao "estrambótico episodio da fuga".

Todos estes "son feitos dunha extraordinaria gravidade ante os cales ningunha institución decente debe permanecer impasible", sentenciou.

Carmen Fouces cre que sería unha "moi boa noticia para a democracia" que se puidesen xulgar todos estes feitos "con independencia e un xuízo limpo", pero a retirada do nome de Juan Carlos I a unha avenida de Pontevedra "é unha cuestión ética máis que legal, é un exercicio inaprazable de decencia e hixiene democrática".

VIRXINIA PEREIRA

Para o goberno local de Pontevedra, "Virxinia Pereira representa a antítese do que é Juan Carlos I", xa que ela "foi unha muller que antepuxo sempre o servizo ao país ao seu benestar".

Ela, segundo xustifica a concelleira de Cultura na súa proposta, "sacrificou o seu status social, a vida cómoda da que viña, todo o seu patrimonio, para polo ao servizo dun ideario e dun soño". "Perdeuno todo menos a dignidade", salientou.

Virxinia Pereira Renda, esposa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, foi unha muller cunha importante vida política e social, cun ideario galeguista e republicano.

Esta estradense acompañou a Castelao nas súas viaxes e pasou de ser a filla acomodada dun deputado liberal a unha muller comprometida coa lingua galega e coa liberdade e defensora da democracia, que se trasladou de Rianxo para vivir con Castelao en Pontevedra e percorrer numeroso lugares ata mesmo chegar a permanecer como emigrante ilegal en Estados Unidos á espera de poder residir en Arxentina.

Foi fundamental na súa aposta por dar paso a unha nova xeración política formada por persoas como Méndez Ferrín ou Adela Figueroa, un impulso que fomentou tras a morte do autor de Rianxo. Pero, ademais, a acción de Pereira Renda foi determinante no legado da obra de Castelao e foi capaz de enfrontarse ás irmás do escritor e pintor para que permanecesen os seus traballos no Museo de Pontevedra.

Na placa que lucirá na avenida poderase ler "Virxinia Pereira Renda, galeguista e garante do legado político e artístico de Castelao".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta