A Catedral de Santiago terá finalizada a súa restauración para a cerimonia de apertura da Porta Santa

A Catedral pecha de forma temporal a partir deste domingo, 15 de novembro, para terminar as obras de restauración que levan a cabo no seu interior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2020 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

As obras da Catedral de Santiago estarán terminadas para a cerimonia de apertura da Porta Santa coa que dará comezo a celebración do Xacobeo 2021.

Este sábado, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou o templo compostelán en compañía do director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

A basílica encara o último tramo dun proceso de rehabilitación iniciado hai case unha década. A previsión é que estea concluído para o arranque do Ano Santo, que se iniciará coa tradicional apertura da Porta Santa en véspera de que bote a andar un ano xubilar que non se produce desde hai 11 anos.

Durante a visita ao templo, que pecha este domingo 15 de novembro as súas portas para proceder á retirada das estadas e demais utensilios do proceso de restauración, o presidente autonómico tachou de "inaudito" que a basílica sexa "reinaugurada" oito séculos despois da súa construción.

"Todos aqueles que axudaron a que a Catedral recobrase o seu esplendor xa forman parte da historia de Galicia", sinalou Núñez Feijóo sobre un proceso de restauración iniciado primeiro sobre a Torre da Berenguela e que despois se foi estendendo ao resto do templo, desde a súa fachada principal ao Pórtico da Gloria ou o cimborio.

PECHE TEMPORAL

Así as cousas, a Catedral pecha de forma temporal a partir deste domingo, 15 de novembro, para terminar as obras de restauración que levan a cabo no seu interior.

De tal forma, permanecerá pechada a visitas e actos de culto. Tamén permanecerán clausurados ata novo aviso tanto o Museo como o Arquivo da Catedral.

Segundo informa o Arcebispado de Santiago nun comunicado, "esta medida está orientada a garantir a correcta retirada de medios auxiliares e estadas e o acondicionamento dos espazos para a súa reapertura, de face aos actos litúrxicos de inicio do próximo ano xubilar".

Pola súa banda, a Oficina do Peregrino seguirá aberta todos os días no seu actual horario: de 10,30 a 18,30 horas.

O Arcebispado convida a seguir as celebracións eucarísticas no resto de igrexas da cidade. Na capela do Centro de Acollida ao Peregrino (rúa Carretas) celebraranse diariamente misas ás 10,30 horas (en inglés) e ás 12,00 horas (Misa do Peregrino).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outras personalidades visitan as obras de restauración da Catedral de Santiago. XOÁN CRESPO / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outras personalidades visitan as obras de restauración da Catedral de Santiago. XOÁN CRESPO / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta