Denuncias de colapsos de pacientes Covid nas UCI, mentres aumentan o número de hospitalizados

Traslados de pacientes UCI de Ferrol a Lugo e a suspensión de operacións en varios hospitais evidencian que a presión hospitalaria pola Covid volve a asemellarse ao acontecido nos primeiros meses da pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2020 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

A situación nas UCI dos principais hospitais galegos comeza a ser crítica. O traslado este domingo dun paciente Covid da do Hospital Arquitecto Marcide cara outras UCI de Galicia, concretamente, á do Lucus Augusti, da sanitaria de Lugo, facía saltar as alarmas.

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

De feito, os pacientes con coronavirus Covid-19 volveron a aumentar en Galicia e sitúanse en 610, o que supón 32 máis que este domingo, dos cales 110 atópanse en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), cinco máis.

Fontes médicas consultadas por GC falan dun "colapso" na Unidade de Coidados Intensivos do hospital Arquietecto Marcide de Ferrol que descartan desde o Sergas. "Trasladamos só un paciente como medida preventiva", aseguraban desde a Xunta en declaracións a Galicia Confidencial.

A mesma crítica faina o Sindicato de Enfermería SATSE que nega que a suspensión de operacións no Hospital Álvaro Cunqueiro se deba á falta de profesionais de Enfermería, senón todo o contrario.

As recentes anulacións de operacións cirúrxicas veñen motivadas por motivos alleos aos profesionais de Enfermería, como que a UCI está ao 100% e tiveron que habilitar camas en REA. Unha decisión tomada directamente pola dirección do centro. “Foi precisamente a voluntariedade das enfermeiras a que posibilitou que moitas operacións que había programadas puidesen levar a cabo”, explican desde SATSE tal e como recolle Xornal de Vigo.

AUMENTAN OS PACIENTES

Por outra banda, os pacientes con coronavirus Covid-19 volveron a aumentar en Galicia. Así se reflicte nos datos actualizados este luns pola mañá na páxina web da Consellería de Sanidade con cifras ata as 18,00 horas deste domingo, recollidos por Europa Press, nos que se indica que hai 500 pacientes con Covid ingresados en unidades de hospitalización convencional en Galicia, 27 máis que este domingo e 110 en unidade de críticos.

Os pacientes hospitalizados con coronavirus aumentan en todas as áreas sanitarias galegas con respecto a este domingo. En concreto, na da Coruña e Cee ascenden a 161 --13 máis--, deles 31 en UCI --tres máis--.  Na área de Vigo aumentan en catro, a 107, os pacientes con Covid-19 ingresados, deles 25 en UCI, un menos, e 82 noutras unidades de hospitalización --cinco máis--.

Mentres, na de Ourense soben a 89 as persoas con Covid ingresadas, sete máis, 12 delas en UCI --sen cambios-- e 77 noutras unidades --sete máis que este domingo--.  A área de Santiago e Barbanza rexistra 63 pacientes con coronavirus hospitalizados, un máis, deles 17 en UCI --dúas máis-- e 46 en tras unidades --un menos--.

Pola súa banda, na área de Pontevedra e O Salnés aumentan a 70 as persoas con coronavirus ingresadas, dúas máis, das cales nove permanecen en UCI --dúas máis-- e 61 noutras unidades --sen cambios--.  Na de Lugo increméntanse a 59 os hospitalizados con Covid, dous máis, deles cinco en UCI --un menos-- e 54 noutras unidades --tres máis--.  E na de Ferrol os ingresados con coronavirus increméntanse a 61, tres máis, dos cales 11 seguen en UCI --sen cambios-- e 50 noutras unidades --tres máis--.

Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19, en San Cibrao, Lugo.. Carlos Castro - Europa Press
Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19, en San Cibrao, Lugo.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

RESIDENCIAS

O número de usuarios de residencias de Galicia diagnosticados con covid-19 baixou este domingo a 368, tras recibir o alta dez anciáns usuarios destes centros, a maioría --seis-- do centro Domusvi Ribadumia.

Ademais, este domingo as autoridades sanitarias notificaban o falecemento de cinco usuarios de centros xeriátricos, que tamén se retiran do cómputo, ao que se suman dous novos casos positivos rexistrados na residencia de maiores San José de Narón (que ata este luns non figuraba na listaxe) e na residencia de San Cibrao de Cervo (Lugo), respectivamente.

Á parte das seis altas de Domusvi Ribaduma, os datos ofrecidos pola Consellería de Política Social este luns recollen outros dous anciáns curados na residencia Irmáns Prieto do Carballiño e outras dúas curacións en Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia.

Así, os datos globais achegados pola Xunta este luns manteñen ás instalacións de DoralResidencias de Mos como as de maiores cifras de contaxiados, cun total de 92 anciáns, seguidas dos 48 de DomusVi Ribadumia e dos 41 de Ballesol de Vigo.

Tamén contan con grandes grupos de internos infectados a residencia de Salvaterra do Miño (26), a San Cibrao de Cervo (24), a Nosa Señora dos Milagres de Barbadás (17), a Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia (17), a DomusVi Coruña (16), a residencia Santa Olalla de Boqueixón (13) e a San Salvador de Guntín (11).

O CRAPD de Vigo II ten oito, os mesmos que a Vivenda Comunitaria Remanso de Paz da Fonsagrada e o Fogar Residencial San Miguel de Silleda. Tamén hai anciáns diagnosticados de covid-19 na Ballesol de Oleiros (5), en Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (4), en DomusVi Monforte (4), en DomusVi Lugo, de Outeiro (4), nos xeriátrico Irmáns Prieto do Carballiño (2), en Fogar Residencial Bo Día de Nigrán (3), na Saleta de San Cristovo de Cea (3), en Nosa Señora Valvanera de Cambados (3), na residencia Divina Pastora de Vilagarcía (2), na miña Casa de Ferrol (2) e na residencia de Monforte (2).

Casos individuais rexístranse nas Fragas de Pontedeume, en Caranza-Ferrol, en Virxe da Clamadoira de Muíños e en Os Gozos de Pereiro de Aguiar. Igualmente, sumar á listaxe un caso na residencia San José Hermanitas de Narón.

251 TRABALLADORES CONTAXIADOS

En canto aos traballadores destes centros, nas últimas 24 horas baixou o cómputo total de diagnosticados de coronavirus, ata os 251. Isto foi posible grazas a que 16 curáronse --seis en Valvanera de Cambados, un en Ballesol de Oleiros, dous en Domusvi Coruña de Oleiros, un no fogar residencial San Miguel de Silleda, un na residencia de San Cibrao de Cervo, un na residencia de O Socorro na Arnioa, un en Irmáns Prieto do Carballiño, dous en San José de Ourense e un en Ballesol de Poio--.

O centro DoralResidencias de Mos e a Nosa Señora dos Milagres de Babardás, con 36 positivos ambas, son os principais focos de coronavirus entre os persoais. Seguen a estes a DomusVi Ribadumia, con 29 empregados contaxiados; a de Salvaterra, con 20; e Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 18.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

Pola súa banda, os centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Galicia mantéñense este luns en 46 usuarios infectados. En concreto, 17 correspóndense co complexo de DoralResidencias de Mos, posto que tamén atende a este colectivo; 15 ao centro San Vicente de Paúl de Lugo e 14 a DomusVi Bóveda.

Así mesmo, quedan 15 diagnosticados de covid entre os traballadores dos CAPD: seis en DomusVi Bóveda, catro en San Vicente de Paúl e cinco que se reparten, respectivamente, entre a residencia Souto de Leixa de Ferrol, o centro Aspanaes das Pontes, a residencia Domingo Gómez Freire de Ourense, a Santa María de Ourense e a residencia Chapela, en Redondela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Curioso xeito de desinformar en Vigo (como se pode dar unha noticia ao revés) https://vigohoy.es/el-area-de-vigo-... Este medio naceu hai pouco tempo e antes permitía comentarios libres dos lectores (agora non permite ningún) En Vigo temos moitos medios que prefiren o silencio dos lectores ben sexa mendiante "muros de pago" ben sexa directamente buscando emitir Información Institucional (verdades oficiais) que seguramente lles reportarán ingresos vía publicidade institucional (?) Por iso é tan importante manter medios INDEPENDENTES en tempos escuros !!!