Feijóo e os conselleiros conxelan os seus salarios: "O Goberno galego ten que ser o primeiro en apertarse o cinto"

Os orzamentos galegos de 2021 ratificarán a conxelación salarial dos membros da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/11/2020 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este luns que que o proxecto de orzamentos galegos para o próximo ano 2021 recibirá luz verde para a súa tramitación parlamentaria esta semana e incluirá a conxelación salarial dos membros do Executivo autonómico.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fai declaracións tras visitar unha empresa en Lugo.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fai declaracións tras visitar unha empresa en Lugo. | Fonte: Europa Press

Tras unha visita a Leite Río, en Lugo, Feijóo avanzou que as contas de 2021 supoñen "un compromiso con Galicia e son perfectamente conscientes" da situación que se vive por mor da pandemia do coronavirus, así como das súas consecuencias económicas e sociais.

"Son unhas contas que van tentar paliar os problemas da pandemia", sentenciou, antes de engadir que a primeira mensaxe partirá do propio Executivo galego, xa que se ratificará "a conxelación de todos os soldos" do Goberno. "Como non pode ser doutra forma", apostilou.

"Neste momento de dificultades, o Goberno galego ten que ser o primeiro en apertarse o cinto para tentar mandar unha mensaxe ás familias, ás persoas que están en ERTE, ás persoas que están a pasar un mal momento. Os orzamentos de 2021 vai para eles", proclamou Feijóo.

O Executivo galego pechará os orzamentos despois de que na pasada semana quedase aprobado na Cámara, só cos votos do PPdeG, un teito de gasto de 11.664 millóns de euros para o ano 2021, que o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, defendeu como "excepcional, prudente e rigoroso".

A oposición, BNG e PSdeG, votou en contra ao entender que non está "á altura do desafío" que supón a crise sanitaria pola pandemia da covid-19 e ao advertir de que é necesario "máis investimento" para non "desprotexer" os sectores máis vulnerables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta