A Deputación de Pontevedra, "optimista", prepara unha "potente campaña" de promoción turística

Terá un investimento de 780.000 euros nos próximos catro anos.

Por E.P. | Pontevedra | 16/11/2020 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este luns a aprobación do proceso de contratación do servizo de xestión integral da campaña anual de comunicación e promoción turística do destino Rías Baixas 2021 que terá un investimento de 200.000 euros, que prevé "potente".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Carmela Silva dixo ser consciente de que o actual é "un momento moi complicado para o sector turístico", pero tamén "optimista, vendo que parece que vai haber vacinas".

"Queremos ter todo en marcha", indicou Carmela Silva sobre esta decisión do goberno provincial coa que quere adiantarse e "avanzar rápido para estar preparadas e preparados".

Por todo iso, engadiu a presidenta, contémplanse ata tres prórrogas do contrato, o que supón a posta en marcha dun proxecto de máis de 780.000 euros para a promoción turística nos próximos catro anos.

A campaña terá en conta "o novo escenario" e a situación do sector turístico. Deste xeito, para 2021, a acción promocional centrarase en mercados de proximidade e na captación de turistas e visitantes da Península Ibérica. "Xa que somos moi conscientes de que aínda estamos nunha situación complicada e seguramente as persoas que se acheguen ata a provincia proveñan de Galicia, do resto de España e Portugal", asegurou Silva.

Durante 2021 a campaña de comunicación e promoción turística apostará pola difusión do destino provincia de Pontevedra e os seus recursos turísticos mediante "accións dirixidas á desestacionalización".

Concretamente, a presidenta detallou que as actividades promocionais estarán "moi centradas na natureza, no patrimonio e na vida saudable", que serán as temáticas máis relevantes "porque é o que están a solicitar" os visitantes, "son as demandas reais despois de vivir unha situación de pandemia".

Deste xeito, para poder divulgar estes fitos, a Deputación apostará o próximo ano por empregar "medios en liña e offline", do mesmo xeito que fixo neste 2020 "e que nos permitiu conseguir máis de 24 millóns de impactos".

Tamén está previsto que mediante esta contratación se realice un proceso de avaliación da campaña promocional "que permitirá mellorar os resultados", concluíu Carmela Silva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta