O PP censura que Carmela Silva e o seu goberno na Deputación de Pontevedra se suban o soldo en plena pandemia

Critica o "malgasto" que representan os orzamentos.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 17/11/2020 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O grupo provincial do Partido Popular denunciou o "malgasto" que representan os orzamentos da Deputación de Pontevedra, nos que se prevé o aumento dun 4,6% nos soldos de Carmela Silva, dos deputados e o incremento de dúas novas dedicacións. Os deputados populares realizaron unha primeira análise das contas do organismo provincial para o próximo ano, ás que o PP presentará unha emenda á totalidade no pleno deste venres

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación.

En concreto, mostráronse totalmente "sorprendidos" ante unhas contas que "se esquecen totalmente" de loitar contra a pandemia e axudar a concellos, colectivos e aos sectores económicos máis prexudicados.

Para o portavoz do PP na Deputación, Jorge Cubela, xunto aos deputados Pepa Pardo e Alejandro Lorenzo, o "máis escandaloso, inmoral e indigno" do documento é que "o bipartito de Carmela Silva e do BNG propoñan, en plena pandemia sanitaria, económica e social, o aumento das dedicacións exclusivas dos deputados de 14 a 16", o que supón case 70.000 euros máis que en 2020.

Segundo sostén o PP, os orzamentos pasan dun gasto de 614.484 euros a 681.419 euros na repartición de soldos na Deputación de Pontevedra, un 11% máis. Un "auténtico malgasto", denuncian, que inclúe ademais o aumento do 4,6% no soldo de Carmela Silva e do resto de deputados, "cando a variación do IPC vai ser negativa".

Para Jorge Cubela, con esta medida política no medio da situación de crise actual "Carmela Silva hoxe retrata o seu goberno, que non representa aos pontevedreses. Non merecen o soldo que gañan nin o que van aumentar".

"Se xa foi escandalosa a suba do soldo do Goberno de Pedro Sánchez e de todos os seus ministros", neste caso, "Carmela Silva e o seu goberno están a subir o seu soldo cinco veces máis", censura..

Pepa Pardo anunciou que os catro deputados do PP que teñen dedicacións parciais xa rexistraron por escrito un documento no que reclaman que se paralice esta suba dos soldos dos deputados e no que renuncian a este aumento no caso de que o Goberno persista en implantar esta medida.

"Mentres as familias pontevedresas se apertan o cinto, o Goberno da Deputación sorpréndenos cun premio para si mesmos", engadiu. Por iso conclúen que este orzamento está "afastado da realidade desta provincia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta