A oposición esixe "instrucións claras" sobre absentismo nos protocolos escolares, que o PP defende

Denuncian a situación no caso dos estudantes que teñen patoloxías previas que lles impiden acudir a clase, ou por infeccións en familiares.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/11/2020 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE e o BNG esixiron á Xunta "instrucións claras" en relación á ausencia de alumnos ás clases por ter eles ou algunha das persoas coas que conviven patoloxías previas e aconsellalo así, pola Covid-19, informes médicos. En concreto, fixérono a través de senllas proposicións non de lei, presentadas na Comisión de Educación e Cultura. Na súa, os socialistas solicitaban instar o Goberno galego a ditar, de maneira inmediata, "instrucións aclaratorias" aos centros educativos.

Escolar nun centro educativo
Escolar nun centro educativo | Fonte: Xunta.

"Para a aplicación, por parte das direccións dos centros, da existencia de circunstancias excepcionais para a consideración de faltas xustificadas naqueles casos nos que os propios alumnos ou persoas convivientes estean afectadas por patoloxías previas nas que o contaxio da Covid-19 puidese representar un risco severo".

Pola súa banda, o BNG expuña instar a Xunta a "pór solución inmediata" aos problemas destas familias "garantindo o dereito á educación dos nenos e nenas sen pór en risco a vida dos pais".

Tamén reclamaban adoptar as medidas necesarias para solucionar de maneira inmediata "os problemas creados polos expedientes de absentismo abertos por estas causas".

Con todo, ningún dos textos, defendidos, respectivamente, polo deputado socialista Luís Álvarez e o nacionalista Manuel Antonio Lourenzo, saíron adiante ao non contar co apoio do PP.

Na súa intervención, o deputado popular Ovidio Rodeiro asegurou que os protocolos en centros educativos "están a funcionar" e recalcou que as aulas son "espazos seguros", a pesar de non existir "o risco cero".

"A Administración traballa para dar unha resposta educativa e sanitaria integral a cada caso", dixo remitiénsoe a comisións provinciais de seguimento para avaliar estes casos, unha vez remitidos polas xefaturas de educación.

"As proposicións non de lei son razoables, pero están superadas pola acción do Goberno", dixo defendendo a xestión da Xunta, cuestionada a este respecto por socialistas e nacionalistas.

"Están a demorar os tempos", reprochoulle o deputado do BNG polo feito de que os casos teñan que pasar por unha comisión. "Que problema hai para dicir, se hai informes, que o caso do alumnado non será absentismo escolar", expuxo o socialista Luís Álvarez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta