Políticas sustentables e educación de calidade: os nenos galegos poñen deberes á clase política

Reclaman tamén a creación dun Consello Autonómico no que poidan participar anualmente.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/11/2020 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

Nove nenos e adolescentes galegos, en representación dos seus consellos locais, participaron este martes no VIII Foro de Participación Infantil e Adolescente de Galicia, onde expuxeron á clase política as súas demandas sobre a atención á infancia, así como propostas que melloren a súa calidade de vida. O pleno, coorganizado polo Parlamento galego e Unicef-Comité de Galicia e enmarcado no 'Pacto Galego pola Infancia', conduciuno o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices.

Olalla Rodil (BNG), Miguel Ángel Santalices (presidente do Parlamento de Galicia), Noela Pérez (PP) e marina Ortega (PSOE), no VIII Foro de Participación Infantil e Adolescente de Galicia
Olalla Rodil (BNG), Miguel Ángel Santalices (presidente do Parlamento de Galicia), Noela Pérez (PP) e marina Ortega (PSOE), no VIII Foro de Participación Infantil e Adolescente de Galicia | Fonte: Parlamento de Galicia.

Ademais dos vogais dos oito consellos locais participantes -procedentes de Teo, Redondela, Ponteareas, Tomiño, Cabanas, O Porriño, Moeche e Castrelo de Miño-, representantes do PSOE, BNG e PP, así como a presidenta de Unicef Galicia, Miriam Garabito; e a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, atenderon ao foro.

Aínda que a pandemia de covid-19 e as restricións de aforamento impediron que os nenos e adolescentes participantes acudisen, como facían noutras edicións, ao propio Parlamento a trasladar as súas inquietudes, as intervencións viñeron igualmente cargadas de mensaxes e 'deberes' para os políticos galegos.

As súas propostas baséanse no 'Manifesto 2020 da infancia e a adolescencia', un documento que recolle as conclusións do V Encontro estatal de consellos de participación infantil do pasado outubro, e nos 17 obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda2030 creada pola ONU.

A crise social e sanitaria provocada pola covid-19 foi un dos temas centrais do foro. Juan Vázquez, do consello de Ponteareas, referiuse ao dano que o exceso de luvas e máscaras está a producir nos ríos galegos, uns caudais xa de seu "moi contaminados". "Non podemos esperar a que a situación se arranxe soa", destacou e, para iso, desde Ponteareas propoñen unha maior vixilancia das zonas máis afectadas e limitacións para as embarcacións que limpan os seus depósitos no mar, entre outras medidas.

A covid-19 non só afectou a saúde dos máis pequenos, tamén tivo un gran impacto na súa etapa formativa. Xoel Viomar, de Tomiño, criticou o desenvolvemento das clases virtuais durante o pasado curso. "As clases en liña non estiveron á altura. Tivémonos que enfrontar a unha gran carga lectiva nunha situación moi estresante para nós", destacou.

O representante do consello de Tomiño tamén defendeu unha "educación de calidade" que fomente o pensamento crítico e que loite contra a discriminación de mulleres e nenas. Xoel pediu que se revisen os temarios para acabar cos estereotipos e que se inclúa a mulleres representativas nos mesmos.

Outra das inquietudes que marcou o foro foi o respecto ao medio ambiente. Neste sentido, Celia Leirachá, de Cabanas, defendeu que a sustentabilidade debe caracterizar todas as decisións tomadas por un goberno. "Trátase de satisfacer as necesidades presentes sen pór en perigo as futuras", defendeu.

O acceso a enerxías renovables e gratuítas para todos foi unha das peticións principais do grupo de Cabanas, para o que suxeriu a instalación de máis cargadores e placas solares, así como o fomento das enerxías renovables mediante a súa utilización en edificios públicos. Celia quixo defender tamén a necesidade dun emprego digno, que sexa igualitario, xusto e sustentable.

Alejandro Gómez, do Porriño, avogou por un consumo responsable baseado na reciclaxe e no comercio local. Neste sentido falaron tamén Celtia Vázquez e Carlos Bouzo, de Moeche, que se preguntaban: "Este é o futuro que queremos?". Ademais da reciclaxe, estes dous mozos lembraron a importancia de loitar contra a deforestación e de reducir o consumo de plástico.

Os mozos participantes coincidiron en subliñar o compromiso que teñen co futuro e que esperan que adquiran as forzas políticas. "Queremos que nos escoiten porque temos moito que dicir; queremos cambiar as cousas", declarou Irene Cea, do consello de Teo.

Outro punto en común, reiterado por varios representantes dos consellos locais, foi a prometida creación do Consello Autonómico de Participación Infantil e Adolescente, proxectada o ano pasado para 2020. Adriana Rodíguez, de Castrelo de Miño, demandouno así: "Onde está o Consello que nos prometeron?, teñen pensado crealo?, cando?".

A este respecto, a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, comunicoulles a creación dun borrador do decreto que dará forma ao Consello "nos próximos meses". A titular de Política Social agradeceu e felicitou aos participantes, como tamén o fixeron os representantes de PP, PSOE e BNG, pola súa implicación e responsabilidade.

Felicitación á que se sumaron a presidenta de Unicef-Comité de Galicia, Miriam Garabito, que ademais esixiu que os nenos ocupen un lugar central na implantación de medidas de recuperación "post-covid"; e o presidente do Parlamento e condutor do foro, Miguel Ángel Santalices, que clausurou así o pleno: "Despois da pandemia, seremos unha sociedade diferente pero, grazas ao voso compromiso, seguro que unha sociedade mellor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta