A Biblioteca de Verín volve a estar entre as mellores do Estado

Foi seleccionada entre os 10 mellores proxectos de animación á lectura de toda España dentro da XX Campaña 'María Moliner' para municipios de menos de 50.000 habitantes.

Por X.M. Fernández | Verín | 18/11/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O proxecto “Voluntariado cultural con mozos para o fomento da lectura" da Biblioteca Municipal de Verín vén de recibir un importante recoñecemento do Ministerio de Cultura e Deporte e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Nada máis e nada menos que o "María Moliner," tras ser seleccionado entre os 10 mellores a nivel nacional na súa categoría -municipios de menos de 50.000 habitantes-.

Biblioteca Municipal de Verín. Foto: XMF
Biblioteca Municipal de Verín. Foto: XMF

A esta nova edición do "Premio Nacional María Moliner" presentáronse un total de 562 proxectos, dos que foron seleccionados un total de 310. A comisión de selección destacou do proxecto a "claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade", valorando tamén "a orixinalidade e innovación e as actividades de integración social que contén a proposta".

A  concelleira de Cultura, Emilia Somoza, quixo poñer en valor o "traballo, esforzo e perseveranza do persoal que traballa na biblioteca" e  explicou que volver recibir este premio "supón un gran orgullo para todos os verineses que non fai máis que reafirmar o importante labor realizado desde a Biblioteca Municipal de Verín, no que ao fomento da lectura se refire".

A Biblioteca verinesa recibirá 10.000 euros a cargo do Ministerio de Cultura e Deporte, cantidade que será destinada á compra de libros e/ou publicacións periódicas.

O PROXECTO

Naceu hai doce anos e converteu á biblioteca nun referente cultural na localidade, realizando un gran número de actividades variadas e de calidade -conferencias, presentacións de libros, exposicións, concursos, Biblio-Piscina, Biblio-Rúa- grazas á colaboración de mozos e mozas voluntarios/as.

Destaca tamén por iniciativas como levar actividades da biblioteca a aldeas próximas de Portugal, pola realización de actividades interxeracionais e con colectivos en risco de exclusión social. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta