Pontevedra terá un gran miradoiro sobre a cidade

O concello creará máis de 1.000 m2 de novos camiños.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A creación dun miradoiro será a obra clave dun proxecto de acondicionamento integral do parque de Valdecorvos no Concello de Pontevedra e da rede de sendeiros do seu contorno, pavimentando máis de 1.000 metros cadrados de superficie de camiños. As obras, que se desenvolverán durante as vindeiras semanas, incluirán a restauración e acondicionamento de pasarelas de madeira, pontes e zonas verdes do maior parque da zona leste da cidade.

Mirador que se pretende instalar en Pontevedra
Mirador que se pretende instalar en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Este plan, impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural a través do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, suporá un investimento global superior aos 50.000 euros. 

Segundo explica o concelleiro socialista Iván Puentes, “as sendas presentan problemas de arrastres de material, fochas ou colmatación nas recollidas de pluviais, polo que se destinará unha achega de máis de 20.000 euros a reforzar o pavimento de xabre da rede de camiños con estabilizantes para incrementar a súa duración futura e a repoñer arquetas e reixas de recollida de augas en mal estado”. 

Por outra banda, os elementos de madeira, como a ponte e a pasarela existentes no regato de Valdecorvos e as diversas varandas, escaleiras e pasamáns, serán restaurados na súa totalidade para garantir o mellor uso do espazo e a comunicación entre as diferentes zonas do parque coa avenida de Lugo. Esta inversión de 13.000 euros servirá para substituír os elementos en mal estado e realizar un tratamento para mellorar a conservación de tódalas madeiras do parque. 

 

Asemade, o proxecto contempla unha limpeza de toda a contorna mediante tarefas de desbroce, sega e poda de arborado.Tal e como explica Iván Puentes, “na zona oeste do parque existe unha carballeira con exemplares notables dun importante valor paisaxístico e natural, e estes carballos enmarcan unha fermosa vista cara a cidade e o río Lérez que se pretende aproveitar para xerar un pequeno miradoiro e lugar de estancia”. 

 

O concelleiro do PSOE, ademais, subliñou que, debido ao incremento do uso do parque por parte da cidadanía, este lugar "debía contar cuns parámetros de calidade equiparables aos do resto das zonas verdes do concello".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta