Feijóo presume de que a Xunta aprobará este venres o orzamento "máis alto da historia de Galicia"

O presidente tamén di que Galicia terá o "menor gasto de intereses desde hai 25 anos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/11/2020 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o seu Executivo prevé aprobar este venres, nun escenario marcado pola pandemia da covid-19, o orzamento "máis alto da historia de Galicia". Nun chío que acompaña cunha fotografía na que aparece co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o presidente galego subliña que o proxecto de orzamentos galegos de 2021 irá acompañado, ademais, "co menor gasto de intereses desde hai 25 anos".

O presidente da Xunta e o conselleiro de Facenda repasan os orzamentos para 2021
O presidente da Xunta e o conselleiro de Facenda repasan os orzamentos para 2021 | Fonte: Xunta.

"Repasando o proxecto de contas para 2021. O Consello da Xunta aprobará o orzamento máis alto da historia de Galicia e farao co menor gasto de intereses desde hai 25 anos", recolle na publicación.

E é que o Executivo galego pechará os orzamentos despois de que na pasada semana quedase aprobado na Cámara, só cos votos do PPdeG, un teito de gasto de 11.664 millóns de euros para o ano 2021, que Valeriano Martínez defendeu como "excepcional, prudente e rigoroso".

A oposición, BNG e PSdeG, votou en contra ao entender que non está "á altura do desafío" que supón a crise sanitaria pola pandemia da covid-19 e ao advertir de que é necesario "máis investimento" para non "desprotexer" os sectores máis vulnerables.

O habitual é que o Executivo esgote o teito de gasto.

Feijóo xa avanzara esta semana algunhas medidas que incluirán unhas contas que, segundo asegurou, ratificarán a conxelación salarial del e dos seus conselleiros.

Así mesmo, o presidente sinalou que os orzamentos da Xunta incluirán uns "2.500 millóns" de euros en investimentos, o que supón "tres veces máis" que o destinan as contas presentadas polo Goberno do Estado.

"Queremos investir no 2021 e o 2022 o que poderiamos investir en catro anos", dixo Feijóo, antes de remarcar que se trata do "maior orzamento investidor da historia de Galicia".

Do mesmo xeito, ratificou que non haberá subas de impostos autonómicos en 2021, xa que os orzamentos galegos que presentará este venres "consolidan" a rebaixa de taxas dos últimos anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta