Temas: PONTEVEDRA BIC

O Concello de Pontevedra negocia a compra do convento de Santa Clara

Recoñece que é "o único interlocutor sobre a mesa" coa orde das Clarisas que opta á compra.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 19/11/2020 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra é "o único interlocutor sobre a mesa" que opta á compra do convento e da leira de Santa Clara, segundo anunciou este xoves o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, quen asegurou que as negociacións coa orde das Clarisas para a compra desta propiedade están "nun punto no que se alcanzou unha sintonía idónea para ambas as partes".

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia.

O edil do BNG asegurou que esta posibilidade de compra deste inmoble, protexido e catalogado como Ben de Interese Cultural, supón "unha gran noticia para Pontevedra" e indicou que se trata dunhas "negociacións únicas, aproveitando unha oportunidade temporal e única". Segundo engadiu Moreda, a "prioridade" do Goberno local é " abrir este espazo para a cidade".

O concelleiro de Urbanismo explicou que as monxas da orde das Clarisas "transmitíronnos que ven con moi bos ollos que o convento pase a mans do Concello para polo a disposición do pobo, e que non se convirta nun elemento de especulación". Agora, o Concello estuda "a maneira de facerse cargo deste edificio" e da súa leira, duns 12.000 metros cadrados.

Xaquín Moreda sinalou que no marco destas negociacións, está previsto que nos próximos días técnicos municipais fagan unha visita ao convento "porque hai que revisar como está o edificio", fixaranse especialmente en como se atopa a estrutura, que tipo instalacións ten e en que estado están, "sobre todo para evitar sorpresas e poder facer unha valoración".

Esta operación urbanística suporía, segundo Xaquín Moreda, "a compra dun edificio e dun terreo de máis dunha hectárea de superficie en pleno centro da cidade". De materializarse a súa adquisición "conformaría unha zona de esparexemento bastante importante".

EDIFICIO DE GRAN VALOR HISTÓRICO

Moreda destacou que o convento de Santa Clara é un edificio de gran valor histórico "nunha localización óptima, preto do río e pegado á praza de Barcelos", e a súa incorporación ao patrimonio do Concello de Pontevedra "evitaría a degradación".

A Orde das Clarisas pechou as portas deste recinto relixioso en setembro de 2017, tras preto de sete séculos de actividade "os edificios cando se abandonan acaban arruinados", lembrou o concelleiro.

Tamén esgrimiu que o Concello xa se interesou pola compra de Santa Clara desde hai tres anos e que esta cuestión "estaba nas prioridades deste mandato". Neste sentido, comentou que "se estivo traballando activamente en buscar novas vías de negociación".

A raíz do ciclo de visitas ao 'Patrimonio Invisible' que incluía o Convento de Santa Clara, o Concello localizou un interlocutor co que avanzar no diálogo e nas negociacións de compra, a Fundación Las Edades del Hombre, que xestiona o patrimonio da Igrexa en Castela e León e que excepcionalmente se está encargando da venda do convento da orde das Clarisas en Pontevedra.

Temas: PONTEVEDRA BIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta