Rafael Louzán e a exdelegada da Xunta en Pontevedra negan fraude nas obras investigadas e rexeitan responder a Fiscalía

"Todos os procesos nos que estiven acabaron en nada", di o expresidente da Deputación de Pontevedra

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 20/11/2020 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

O expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Luisa Piñeiro, rexeitaron a existencia dun "sistema artificioso e en fraude de lei" para abonar á construtora Eiriña uns 86.000 euros por un suposto sobrecusto relativo a unhas obras executadas e non contratadas no campo de fútbol do Buelo, en Moraña.

A actual delegada territorial da Xunta de Galicia, Luisa Piñeiro, e o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, sentados no banco dos acusados do xulgado do penal número 3 de Pontevedra.. EUROPA PRESS
A actual delegada territorial da Xunta de Galicia, Luisa Piñeiro, e o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, sentados no banco dos acusados do xulgado do penal número 3 de Pontevedra.. EUROPA PRESS | Fonte: B.Ciscar.POOL - Europa Press

O actual presidente da Federación Galega de Fútbol e a exalcaldesa de Moraña están acusados de fraude e prevaricación xunto a outros seis procesados que este venres foron citados a declarar por estas supostas irregularidades no xuízo que se celebrou no Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra.

Ao entender que todas as preguntas que quería facer xa foran respondidas o resto de acusados, o avogado de Rafael Louzán renunciou a interrogar ao seu cliente, polo que este se acolleu ao seu dereito a non declarar.

Pola súa banda Luisa Piñeiro, exalcaldesa de Moraña no momento dos feitos; Enrique Pais, dono da empresa Eiriña; o director técnico desta construtora, Jaime Alvariñas e o exdirector de infraestruturas na Deputación, José Manuel Juanatey; e o arquitecto D.A.L.O.; só responderon as preguntas dos seus propios letrados negando calquera irregularidade nas obras investigadas.

A Fiscalía só puido preguntar, deste xeito, a dous dos acusados, os representantes das dúas empresas E.C. Casas e Construcciones y Canalizaciones Salnés.

O Ministerio Público asegura que despois das obras do Buelo, a Deputación organizou unha segunda adxudicación á que se convidou a estas dúas empresas como "mero trámite" xa que os traballos foron adxudicados de novo a Eiriña, mediante unha partida de libre disposición do presidente provincial, por unha cantidade similar ao sobrecusto xerado nas obras do campo de fútbol.

O dono de Eiriña, Enrique Alonso Pais, e o seu número dous nesta empresa, Jaime Alvariñas, negaron amañar a licitación destas obras rexeitando que acordasen coas outras dúas construtoras que presentasen "orzamentos de compromiso" para darlle legalidade a este proceso de adxudicación. "Pagáronme a obra e non houbo ningún tipo de problema", resolveu Alonso Pais.

Igualmente, o entón director de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Manuel Juanatey, xustificou que se licitou un segundo concurso ante as "necesidades detectadas" para mellorar o campo.

Nos documentos exhibidos durante esta proba testifical os avogados da defensa mostraron como a Deputación xa pagara á empresa un importe por uns modificados xurdidos durante a construción do campo de fútbol, unhas obras diferentes á ampliación do muro que foi obxecto da segunda adxudicación que tivo un custo moi parecido.

O CONCELLO "NON XESTIONOU" A CONTRATACIÓN

Pola súa banda, Luisa Piñeiro insistiu en que o Concello de Moraña non xestionou a contratación, a adxudicación nin o pago destas obras, limitando a súa participación neste asunto a que desde o Goberno local "pedimos unha subvención e fixéronnos un campo de fútbol", concluíu.

A Fiscalía pediu a reprodución na Sala de dúas conversas gravadas no teléfono intervido de Jaime Alvariñas nas que, con apenas 10 minutos de diferenza, falaba sobre esta obra con Mauricio Rodríguez, representante de E.C.Casas e con Diego González, administrador de Construcciones y Canalizaciones Salnés, ambos os dous acusados nesta causa.

Os dous empresarios enmarcaron esta conversa en cuestións laborais alleas a calquera artimaña irregular, como a consulta de prezos ou a posibilidade dunha subcontratación.

LOUZÁN

O expresidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán asegurou que "non hai ningún prexuízo para a administración" no asunto polo que se lle xulga, xunto á actual delegada da Xunta na provincia e exalcaldesa de Moraña Luisa Piñeiro, por un suposto delito de fraude e outro de prevaricación.

Louzán pronunciouse deste xeito á súa chegada aos xulgados da Parda, onde se enfronta a xuízo por un suposto delito de prevaricación e outro de fraude. Ademais, ela está considerada cooperadora necesaria en relación a unhas supostas irregularidades nas obras do campo de fútbol de herba artificial do Buelo no ano 2011.

Antes do arranque do xuízo ás 10,00 horas no xulgado do penal número 3 de Pontevedra, Louzán dirixiuse aos xornalistas para "deixar moi claro que non hai ningún prexuízo para a administración", unha circunstancia que, segundo indicou, era o que a el lle "preocuparía".

Na súa intervención, sostivo que "unicamente" se trata de "un procedemento administrativo" unha "cuestión puramente técnica". "Non é unha cuestión que me toque a min nin á ex alcaldesa de Moraña", manifestou. Así mesmo, defendeu a legalidade de todo o proceso de adxudicación das obras no campo de herba artificial, "por tanto, absoluta tranquilidade e confianza", asegurou.

Louzán engadiu que en toda a súa traxectoria con responsabilidades públicas manexou "orzamentos dun volume moi grande e, con todo, en ningún momento se discutiu nada" polo que entende que o caso que este venres o senta no banco dos acusados "vén dado de comentarios que outras persoas fan sobre un proceso". Ademais, o expresidente da Deputación de Pontevedra comentou que "nunca estivo nun xuízo" pois noutros procesos xudiciais nos que estivo implicado "acabaron en nada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta