A maioría de hostaleiros valoran o plan de axudas da Xunta, pero insisten en que hai que reabrir os locais

Hostalaría Compostela foi a única entidade que non asinou o acordo, co que consideran que o Goberno galego actúa "de forma interesada".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/11/2020 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

A hostalaría galega ve con bos ollos a ampliación das axudas da Xunta aos negocios do sector pero seguirán adiante coas súas demandas para que as autoridades permitan a reapertura duns negocios que cumprirán este sábado dúas semanas co enreixado baixado en máis de 60 concellos galegos.

Terraza recollida nun establecemento de Sanxenxo
Terraza recollida nun establecemento de Sanxenxo | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

Con todo, o acordo co sector da hostalaría rubricado na tarde do pasado xoves non foi unánime. A asociación Hostalaría Compostela decidiu desmarcase porque consideran que as axudas "seguen sendo insuficientes" e o plan non establece un sistema de compensación que priorice aos negocios que máis o necesiten.

Así o resume o directivo de Hostalaría Compostela, Lois Lopes, horas despois de que a Xunta anunciase un acordo que, ao seu xuízo, o executivo pretende empregar "de forma interesada".

Lopes considera que este acordo "é unha parte máis" do plan de rescate que, a pesar de aumentar en 5 millóns o seu orzamento global, aínda "está lonxe" das axudas que existen noutras zonas do Estado.

"Aínda que somos conscientes de que os recursos son limitados, é unha cuestión de establecer prioridades", sinalou antes de apuntar á existencia de "campañas" de publicidade do turismo nos medios de comunicación "con oito millóns de orzamento". "Non é que non haxa diñeiro, o que hai é que establecer prioridades", apostilou Lopes.

Ademais da contía e "as formas" nas que se celebrou a reunión do xoves, Hostalaría Compostela tamén lamenta que a Administración autonómica "fixese oídos xordos" ao desenvolvemento dun sistema para que as axudas "cheguen antes a quen máis falta lle faga", tendo as características do negocio e o nivel de restricións que existan na localidade na que opera.

Así as cousas, avanzou que seguirán adiante coas mobilizacións e protestas para demandar a reapertura do negocio. "A problemática principal non está resolta e témola que visibilizar", engadiu Lois Lopes.

SATISFACCIÓN NO RESTO DE ASOCIACIÓNS

Pola súa banda, o resto de colectivos e asociacións si aplauden o acordo, aínda que coinciden coa entidade santiaguesa en que continuarán demandando a reapertura dos establecementos porque as axudas económicas non chegan para manter á boia os negocios.

Así o manifesta o presidente da Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, que valora tanto o acordo subscrito o xoves como a existencia dunha mesa de diálogo entre o sector e a administración.

Deste xeito, Real ve "estupendo" o aumento das partidas para as axudas, aínda que as considera "insuficientes" debido ao número de establecementos que se van a poder beneficiar delas.

O responsable dos hostaleiros lugueses demanda a implicación de concellos, deputacións e Goberno central porque a situación é "dramática" para negocios que, como lembra, deben seguir facendo fronte ao pago de alugueres, taxas, impostos e cotizacións a pesar de estar coa persiana baixada.

"Imos seguir (coas mobilizacións) por dous motivos: porque seguimos pechados e porque hai outras administracións que teñen que sentar a negociar", sentenciou Real, que advertiu que o peche da hostalaría repercute noutros sectores que, como no caso do alimentario, ven afectada a súa actividade por carecer dunha das súas principais fontes de vendas.

Pola súa banda, o presidente da Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra, César Ballesteros, apunta á necesidade de solicitar maiores por parte das administracións locais, á hora de rebaixar taxas, pero sobre todo do Goberno central, do que dependen cuestións como as cotizacións á seguridade social, cota de autónomos e outros impostos.

Así, Ballesteros considera que as axudas postas en marcha para o sector "non chegan nin a un 10% do que se paga en impostos" para as empresas de hostalaría nas "que non entra nin un só euro en caixa" mentres seguen pechadas.

Deste xeito, valora o acordo subscrito coa Xunta, especialmente no apartado de axilizar o cobro das axudas que, segundo remarcou, non poden ser concibidas como "unha esmola". "A lei obríganos a estar pechados e alguén nos ten que compensar", remarcou.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña, Héctor CañeteT, tamén destaca como positivo que o plan do Goberno galego expoña que se cobren as axudas con "inmediatez" e que poidan ser percibidas xa "a principios de decembro".

Esa "facilidade na tramitación" permitirá, segundo incidiu, que "cunha declaración resposnable", a axuda económica chegue ao propietario do negocio nun prazo de "entre unha semana e dez días da solicitude".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta