Denuncian que Emafesa quere cobrar polo saneamento de 2015 en Ferrol cando non se prestaba o servizo

Nun escrito trasládase que "Emafesa non ten xustificación para tratar de cobrar eses máis de sete millóns de euros que pretende sacar por leste cobro inxusto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2020 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

A portavoz da Plataforma en defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización, Lupe Ces, denunciou que a empresa mixta de augas de Ferrol (Emafesa) "está a enviar aos veciños desta cidade, en ton ameazante, unha carta onde se nos reclaman uns atrasos por un servizo que non se nos prestou", en alusión á taxa de saneamento do ano 2015, "cando este servizo nesta cidade, nesta época, non funcionaba".

Ditas manifestacións realizounas Ces nunha rolda de prensa ofrecida este venres na parte traseira do Concello. "En 2015 as nosas vivendas non estaban enganchadas ao saneamento e a propia Xunta publica nas súas páxinas web que este servizo nesta cidade comeza a funcionar en abril do ano 2017", detallou.

Desde esta plataforma incidiuse que estes novos recibos "forman parte desta gran estafa desta empresa, apoiada polos distintos gobernos municipais que vimos padecendo nesta cidade, completamente aliñados coa política desaprensiva desta sociedade, aplicando aos veciños de Ferrol uns cobros que non son de xustiza".

NON PAGAR

Así as cousas, o colectivo insta os veciños a "non pagar este recibo e a presentar o modelo de carta que deseñaron dirixido á Alcaldía". "Para que o señor Mato faga caso do que lle solicitamos", instou.

Neste escrito, , trasládase que "Emafesa non ten xustificación para tratar de cobrar eses máis de sete millóns de euros que pretende sacar por leste cobro inxusto".

Igualmente, solicítase "un certificado individual, de cada vivenda, da data de enganche ao servizo de saneamento", e que "se conteste aos recursos que xa presentamos no mes de febreiro contra o cobro deste recibo".

"Temos un alcalde que nunca contesta e que só está para obedecer á xerencia de Emafesa", lamentou, antes de tachar de "vergoñoso" que desde o goberno de Ferrol "non se conteste aos requirimentos da Valedora do Pobo, facendo caso omiso aos escritos onde lle reclaman información sobre este asunto".

Acto da Plataforma en defensa da remunicipalización, en Ferrol.
Acto da Plataforma en defensa da remunicipalización, en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta