Aprobados os orzamentos da Deputación de Pontevedra para o ano 2021 nunha sesión tensa

O PP reclamaba que o orzamento provincial tivese máis gasto social, axudas para autónomos e pemes, o aumento dos fondos do Plan Concellos e un plan de melloras nas estradas provinciais, entre outras medidas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres, nunha sesión tensa, os Orzamentos desta institución para o ano 2021.

As contas do goberno provincial ascenden ata os 164,5 millóns de euros e saíron adiante con 16 votos a favor. Pola súa banda, o PP abandonou a sesión sen votar ao non conseguir intervir cando o debate xa estaba finalizado.

Os populares presentaran unha emenda á totalidade pedindo a retirada do documento dos orzamentos. O PP reclamaba que o orzamento provincial tivese máis gasto social, axudas para autónomos e pemes, o aumento dos fondos do Plan Concellos e un plan de melloras nas estradas provinciais, entre outras medidas.

O portavoz do PP, Jorge Cubela, sinalou que "ante unha situación excepcional, a provincia precisa dunhas contas excepcionais".

Pola súa banda o deputado Carlos López Font, portavoz do grupo provincial do PSOE, defendeu que os orzamentos están baseados no crecemento do investimento público, e concibidos como "unha ferramenta para xerar actividade económica, emprego e cohesión social no marco da Axenda 2030".

A actitude do Partido Popular foi obxecto de reproche por parte de Carlos Font que afirmou que "as máis elementais normas da Democracia indican que, finalizado o debate, non corresponde a ninguén máis intervir" e dixo que a protestade os deputados do PP "é exactamente o mesmo que sucedeu no Parlamento de Andalucía cando un deputado de Vox, con moi malas maneiras, abandonou o Pleno".

"FALSIFICAR DATOS"

O portavoz do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, tamén foi moi crítico co Partido Popular por "falsificar datos" respecto da suposta subida de salarios no Goberno provincial.

"Vostedes miraron as contas cos ollos cheos de sangue e, como non atoparon nada, fixeron unha noxenta interpretación das retribucións", dixo.

Sobre leste mesmo asunto, durante o debate, o portavoz socialista trasladou unha réplica ás declaracións do presidente provincial do PP e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, "rógolles que lle transmitan ao señor Rueda que o día que queira falamos de salarios, de sobres e de corrupción, e do que queira", dixo Font.

75 MILLÓNS

Pola súa banda, Mosquera elevou o gasto directo en favor dos concellos, sumando diversos servizos provinciais, ata os 75 millóns de euros. E sinalou que se a Xunta de Galicia asumise as súas competencias ao completo, en servizos como o Príncipe Felipe, a Escola de Cantaría, ou os centros do Areeiro ou Mouriscade, a Deputación de Pontevedra disporía de 20 millóns de euros máis que podería pór a disposición dos concellos.

O vicepresidente concluíu que, unha vez incorporados os remanentes e posibles fondos europeos, a Deputación acabará manexando un Orzamento superior aos 200 millóns ao longo do ano próximo e recalcou que se trata das mellores contas para a provincia "porque converten aos concellos en protagonistas".

Durante a celebración do pleno, CC.OO. escenificou diante do Pazo Provincial o "enterro da carreira profesional" dos funcionarios do organismo provincial, denunciando o "enchufismo" que, segundo este sindicato, derivará destes Orzamentos da Deputación.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os millóns que seguirán gastándose nas obras faraónicas do Caudillo de Vigo (en Balaídos imos xa polos 60 millóns e parece que a cousa non ten límites!) Mentras ROUBAN edificios destinados a Museo da Fotografía para bolos propagandísticos en tempos de Pandemia (?) Por non falar do TerraCeo a 20€ a entrada para VIPs das festas do verán (?) Non tiñamos se suprimir as Deputacións (?) https://twitter.com/00Gamela/status...