Sanidade recoñece que as restricións "non están dando" a mellora necesaria na evolución da Covid

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apela a "pecar de prudentes" ante a posibilidade de que o 4 de diciembre se inicie a desescalada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2020 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apelou a "pecar de prudentes" á hora de analizar a posibilidade de que se rebaixen as restricións a partir do 4 de decembro, a data que serve de guía para o comité clínico de cara a medir a efectividade das medidas extraordinarias implantadas nuns 60 municipios galegos a comezos do mes de novembro.

Este sábado, nun acto celebrado no hall do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde visitou o espazo que acollerá a nova unidade de atención ao ictus, o titular de Sanidade subliñou a necesidade de permanecer vixiantes e cumprir as restricións para lograr que as medidas teñan efecto e poidan prolongarse no tempo o menos posible.

Así, sinalou que "en liñas xerais" os resultados das medidas implantadas, das que se cumpren 15 días este sábado, "non están dando" a mellora necesaria tanto na detección de novos casos como na relaxación da presión hospitalaria, polo que apelou a "insistir" nas restricións que a Consellería de Sanidade confía en que empezan a deixar maior pegada na evolución epidemiolóxica a partir desta terceira semana de vixencia que agora comeza.

Preocupa especialmente, segundo concretou, a evolución na área sanitaria de Vigo, onde "non se está dando esa diminución importartante" nos positivos e, aínda que "deixou de crecer" o número de persoas que terminan hospitalizadas, a melloría non se produciu nos pacientes en UCI.

Deste xeito, o conselleiro resaltou que aínda é pronto para saber se poderán relaxarse as restricións unha vez cumprido o prazo dun mes dado incialmente polo comité clínico para ver a evolución da pandemia coas medidas impostas. Unha desescalada que inaugurou este sábado O Carballiño, o primeiro municipio no que se relaxan as restricións ao pasar do nivel 3 ao 2, co que poden reabrir os negocios de hostalaría e se permite a entrada e saída do municipio.

Cuestionado sobre se O Carballiño, do mesmo xeito que serviu como 'modelo' para as restricións, actuará agora como exemplo para a desescalada, García Comesaña apuntou que "non necesariamente", xa que cada localidade e área teñen as súas propias circunstancias e características.

Por exemplo, lembrou que na decisión do comité clínico de permitir a relaxación de imposicións nesta localidade ourensá non pesou exclusivamente a evolución epidemiolóxica, senón que tamén se tiveron en conta outros factores, como o seu illamento ou a mobilidade na área onde se atopa, que presenta "baixa" incidencia do covid.

Preguntado por que non se deu o mesmo paso en Verín, García Comesaña indicou que neste municipio ourensán a evolución da pandemia tamén é boa, pero os seus veciños terán que esperar "un pouco máis" para que se rebaixen unhas restricións que, como lembrou, foron impostas máis tarde que no Carballiño.

Traslado dun paciente con Covid ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Traslado dun paciente con Covid ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta